O Concello de Alfoz impulsará un programa educativo, titulado Igual+, para sensibilizar á poboación infantil, xuvenil e ás familias sobre igualdade e previr a violencia contra as mulleres.
O goberno local entregará o vindeiro luns, 16 de setembro, as Axendas Coeducativas do curso 2019-20 a todo o alumnado do CEIP Castro de Ouro e do IES Alfoz-Valadouro. No caso de estudantes de Bacharelato e ciclos de Formación Profesional, as publicacións estarán a disposición no Concello e na biblioteca municipal.
Segundo expón o executivo municipal, os nenos e nenas de Educación Infantil do CEIP Castro de Ouro participarán ao longo deste exercicio nun proxecto de igualdade e contra a violencia chamado Igual+ Educación Infantil, que por unha parte supón que se traballará ao longo de todo o ano escolar para fomentar a ruptura de estereotipos, o coñecemento e xestión das emocións, a resolución pacífica de conflictos ou a corresponsabilidade.
Por outra parte, o Proxecto Igual+ incorpora o programa ‘Igualabot. Aprendemos igualdade con robótica‘, que utilizará esta rama da inxeñería mecánica para aprender en igualdade e sobre todo incidir en achegar ás nenas as habilidades STEM, ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas, acabando coa imaxe masculinizada destes estudos e profesións desde a base educativa. A finalidade é usar as novas tecnoloxías de xeito igualitario.
CONTRA A CIBERVIOLENCIA
Por último, entre outubro e novembro, haberá diferentes actividades educativas para fomentar a prevención da ciberviolencia ou rachar estereotipos sexistas.
Todo o programa, elaborado e desenrolado polo Concello de Alfoz, está subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, a través do Fondo Social Europeo (FDS Galicia 2014-20), e polo Pacto de Estado contra a violencia de Xénero do Goberno central.