IniciosociedadeSan Tirso acollerá a homenaxe da conca do Eo ás súas vítimas...

San Tirso acollerá a homenaxe da conca do Eo ás súas vítimas do franquismo

Memoria da Mariña organiza o domingo 6 de outubro un acto de recoñecemento aos represaliados, cunha conferencia e a descuberta dunha placa conmemorativa

Publicada o

- Advertisement -

O domingo 6 de outubro, a localidade de San Tirso de Abres acollerá un acto de homenaxe a todas as vítimas do franquismo na conca do Eo, que servirá para lembrar de xeito moi particular aos veciños da localidade represaliados, así como ás persoas doutros concellos asasinadas na localidade.

Memoria da Mariña, entidade promotora do acto, animan á veciñanza da conca do Eo a sumarse a este acto de homenaxe e lembranza ás vítimas da represión nesta zona.

OS RESTOS DO ALCALDE EN XULLO DO 36, POR ATOPAR

Os actos darán comezo ás 17.00 horas, cunha palestra a celebrar no auditorio municipal onde tomará a palabra Ramón García Piñeiro, profesor no IES de Tapia de Casariego e un dos máximos especialistas no estudo da represión e da resistencia ao franquismo na conca do Eo. O relator achegarase na súa intervención a algún dos aspectos do operativo represivo na zona, significando a actuación dos guerrilleiros na zona, con especial referencia a Luís Trigo, o Gardarríos, e lembrando a algúns dos nomes da represión.

Neste sentido destácase o asasinato de Clemente Amago, fundador do PSOE en San Tirso no 1931, alcalde da localidade en xullo de 1936, agochado tras o golpe fascista e paseado por un grupo de falanxistas o 22 de setembro de 1936 no marco dun traslado a Lugo e cuxo cadáver aínda non foi atopado.

Outros dous veciños, Manuel García Miranda e o concelleiro Ramón Llenderrozos Pérez, foron asasinados tamén polos fascistas en Rábade o 3 de setembro de 1936 tras acudir a Lugo a presentarse ás autoridades franquistas, atendendo as indicacións dalgunha personalidade do réxime da localidade. Finalmente, o 13 de febreiro de 1937 foi fusilado en Lugo, en cumprimento dunha sentenza a pena de morte, Xesús Cigarrán Campo, un traballador do transporte natural de Trabada e residente en San Tirso.

PLACA EN MEMORIA DOS ASASINADOS

A xornada continuará ás 18.15 horas, coa descuberta dunha placa no cemiterio parroquial da localidade en homenaxe a seis persoas soterrados nunha foxa común do mesmo. O acto de recoñecemento ás seis persoas enterradas na fosa común contará coa participación de Francisco Martínez “Quico”, un dos últimos guerrilleiros antifranquistas vivos; Fernanda Cedrón, neta do mítico guerrilleiro Luís Trigo, así como de familiares de represaliados. O acto contará cunha actuación musical a cargo do musico da Veiga Abel Pérez.

O MESTRE, ÚNICO CORPO IDENTIFICADO DUNHA FOXA COMÚN

A día de hoxe só se coñece a identidade dunha das seis persoas soterradas na foxa común de San Tirso o 15 de setembro de 1936. “Segundo a hipótese de traballo dos estudosos, os executados serían veciños do occidente asturiano, probabelmente sacados do cárcere de Castropol, no marco das operacións represivas levadas adiante polos franquistas tras a toma dos concellos da zona”, explican desde Memoria da Mariña. 

A única persoa identificada das enterradas na foxa común sería a de Pablo Martínez Crespo, mestre en San Martiño de Abres, no concello de Trabada, e residente na súa vivenda familiar no momento da sublevación franquista.

“A lembranza da calidade humana e das grandes capacidades pedagóxicas do docente segue moi presente no concello de Trabada, onde exerceu de mestre desde 1932”, resalta Memoria da Mariña. Natural de Inciso na Rioxa, chegou as terras de Eo despois de desenvolverse como mestre durante varios nunha escola laica en Santander, “impartindo aulas cunha grande dedicación e gañándose a estima dos seus alumnos e familiares”.

Segundo expón Memoria da Mariña, “as súas profundas convicións democráticas e o seu sentido de defensa da legalidade levárono a enfrontar o golpe franquista nas Figueras, sendo detido o 30 de agosto e confinado nos cárceres de Ribadeo e Castropol”. No momento do seu asasinato, o 14 de setembro de 1936, contaba con 56 anos e deixaba muller e catro fillos.

XOSÉ SUÁREZ NOVÁS E XOSÉ MARÍA JARDÓN

A maiores dos seis demócratas asasinados enterrados neste tumba, os organizadores teñen documentados tamén os asasinatos na localidade de Xosé Suárez Novás e Xosé María Jardón Pérez. O primeiro natural de Palas de Rei, residía na Pontenova, onde traballaba como peón camiñeiro, sendo asasinado o 24 de xaneiro de 1941.

O segundo, natural e residente en Valdepares, no concello do Franco, foi executado o 3 de setembro de 1936. A día de hoxe, Memoria da Mariña descoñece o lugar de enterramento destas dúas persoas, “porén son varias as fontes que sinalan a posibilidade de atoparse enterrados noutra foxa no cemiterio da localidade”, expón o colectivo.

Á PROCURA DE INFORMACIÓN

Os organizadores fan tamén un chamamento ás xentes da conca de Eo que poidan achegar datos sobra a identidade das persoas soterradas na foxa común de San Tirso para que se poñan en contacto no teléfono 608.55.50.10.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...