IniciosociedadeUn centro terapéutico completa a oferta comercial das antigas cabaleirizas de Sargadelos

Un centro terapéutico completa a oferta comercial das antigas cabaleirizas de Sargadelos

Cinco negocios instaláronse no conxunto histórico-artístico despois de que o Concello ofrecese locais en alugueiro por 20 euros ao mes

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Cervo anunciou este martes que o centro de emprendemento acondicionado no edificio das antigas cabaleirizas de Sargadelos completará a súa oferta cunha empresa do sector terapéutico e sociosanitario.

O alcalde, o popular Alfonso Villares, asinou o contrato coa persoa adxudicataria do local número 3, Reyes Quelle Fra, que ten previsto iniciar proximamente a actividade dun centro terapéutico que bautizou como Pasiños na Lúa.

A intención da adxudicataria do espazo é xerar “un recurso sociocultural, rehabilitador e dinamizador para todas aquelas persoas que presentan algún tipo de limitación, sexa cal sexa, na súa anatomía, no seu patrón condutual-emocional, na súa contorna, na súa fisionomía, ou simplemente que estea a pasar por un mal momento que lle limite desfrutar ao cento por cento da vida”.

Villares salientou que con esta nova empresa “cubrimos a totalidade dos locais que acondicionamos no edificio das antigas cabaleirizas e que puxemos a disposición das persoas emprendedoras por un alugueiro simbólico, duns 20 euros mensuais”.

O rexedor subliñou que “é unha satisfacción poder ver culminar este proxecto no que tanto empeño puxemos desde este equipo de Goberno, e que agora podemos ver que é unha realidade”. Villares valorou “o impulso e o dinamismo que lle outorgan este novos negocios ao conxunto histórico-artístico de Sargadelos, que atrae cada vez máis visitantes que poden desfrutar dunha contorna natural única, aderezada agora con diferentes actividades que lle dan, sen dúbida, ese valor engadido”.

No centro de emprendemento están instalados o establecemento de fabricación e venda de táboas de surf artesanais Serea Surfboards, o obradoiro creativo con tenda e estudo de tatuaxes Enigma, o centro ecuestre Cabaliño de Pao, o café bar cultural A Sacabeira e o establecemento de alimentación ecolóxica Marmeladas A Morena.

O CONCELLO ESTUDARÁ “HABILITAR OUTROS ESPAZOS”

Villares precisou que a ocupación total do Centro avala a “importante aposta que fixemos para poder poñer en marcha este proxecto concibido cun dobre obxectivo; por unha banda co fin de darlle ese impulso ao conxunto histórico; e por outra para ofrecerlle a estas persoas emprendedoras unha opción para poder iniciar a súa actividade facendo fronte a un custe asumible”.

O alcalde subliñou que foron moitas as persoas interesadas nestes locais e que, se ben nestes intres non dispoñemos de máis oferta, “estudaremos a posibilidade de habilitar novos espazos municipais para fins similares”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...