O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Viveiro pedirá no vindeiro pleno, que se celebrará o 2 de outubro, a substitución das placas do grupo de vivendas do Barrio do Chao. A lámina fai referencia a Antonio Pedrosa Latas, político e militar falanxista cuxo nome xa foi retirado do CEIP de Celeiro en aplicación da Lei de Memoria Histórica, segundo o acordo plenario do 7 de febreiro de 2018.
A formación nacionalista está a visitar as parroquias escoitando demandas da veciñanza nunha campaña titulada ‘Cóntallo ti‘. Segundo explica o partido frontista, o último destes encontros tivo lugar na casa do Forno celeirense, onde “unha das demandas” dos veciños tivo que ver “co grupo de vivendas”, inauguradas no 1955 polo Instituto Social da Mariña, “tal e como anuncian as placas situadas ao pé da estatua de San Rafaeliño na entrada do Barrio”.
PROPOSTA DE INSCRICIÓN
Deste xeito, o BNG proporá a substitución das placas por un posible texto que rece: ‘Grupo de Vivendas dos mariñeiros (1955) Barrio do Chao‘, así como tamén a eliminación de todo recoñecemento público “que atente contra a memoria histórica e poida perdurar no citado vecindario”.