O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, asegurou na mañá deste xoves, nunha xuntanza mantida co alcalde de Ourol, o tamén socialista José Luis Pajón, que a veciñanza deste municipio “vai ter esta dotación social”.
“Os veciños poden estar tranquilos e confiar no que lles dixo o seu alcalde”, sostivo Tomé, que quixo reafirmar o “compromiso” do goberno provincial co xeriátrico de Ourol, despois de que a Deputación confirmase que se rematarán as residencias da Pontenova e deste municipio, pero puxese en cuestión o seu modelo de xestión.
Xeriátricos públicos como os de Ribadeo e Trabada, abertos na pasada primavera, foron a bandeira do goberno provincial liderado por Darío Campos, que foi substituído polo PSdeG-PSOE en favor de Tomé. O executivo bipartito da Deputación confirmou o remate das residencias “iniciadas ou pactadas”, pero non así a súa xestión conveniada entre as administracións local e provincial, dado que reclama á Xunta de Galicia “que asuma as súas competencias nesta materia”.
No caso do centro de maiores de Ourol, Deputación e Concello asinaron un convenio de 1,4 millóns de euros para habilitar o centro no antigo colexio Vicente Casabella, pechado pola falta de alumnado.
XUNTANZA CO ALCALDE DE RIOTORTO
Na rolda de contactos que está a realizar o dirixente do organismo provincial logo da súa chegada á institución, Tomé recibiu tamén ao alcalde de Riotorto, o popular Clemente Iglesias, que aproveitou para trasladarlle as inquedanzas do seu concello.