IniciosociedadeA chef Lucía Freitas, cunha Estrela Michelín, cociñará en directo nas xornadas...

A chef Lucía Freitas, cunha Estrela Michelín, cociñará en directo nas xornadas gastronómicas de Xove

A cociñeira santiaguesa aconsellará o 17 de outubro á hostalería local, que porá en práctica as súas ensinanzas nun tapeo de produtos do mar que se celebrará ao día seguinte

Publicada o

- Advertisement -

A presenza da prestixiosa cociñeira Lucía Freitas, que conta cunha Estrela Michelín no seu restaurante ‘A Tafona‘, de Santiago de Compostela, será un dos atractivos da segunda edición das Xornadas Gastronómicas e o Tapeo do Mar, que se celebrarán os días 17 e 18 de outubro en Xove.

O evento, impulsado polo Concello de Xove e a ACIAM, celebrarase no pavillón de deportes e nos locais de hostalería do municipio. Se na primeira edición participou o finalista de Top Chef Miguel Cobo, neste 2019 será Freitas a encargada de realizar unha demostración de cociña, o xoves ás 20.30 horas no polideportivo.

SHOWCOOKING DE ENTRADA GRATUÍTA

Nun escenario que o Concello instalará coa colaboración de Mármoles A Mariña e Establecimientos Rey, Freitas cociñará en directo e preparará diferentes elaboracións con produto local e frescos do mar, explicando a todas as persoas que asistan os conceptos e valores que hai detrás de cada un dos empratados. A entrada a este singular espectáculo será de balde ata completar aforo.

O VENRES, TAPEO

Ademais, durante a xornada, a cociñeira asesorará aos hostaleiros e hostaleiras en materia de elaboracións ou empratados co obxectivo de que o venres 18 poñan en práctica os coñecementos adquiridos para realizar un tapeo especial no que os produtos do mar serán os protagonistas indiscutibles.

Presentación das xornadas. AXM



Un xurado formado por persoas de diferentes eidos avaliará as creacións e outorgará un recoñecemento ao local de hostalería que ofreza a mellor tapa, tanto en presentación como en sabor. A cita comezará ás 20.00 horas, coa participación de sete establecementos: Onde Sempre, O Refugio, A Fuga, O Cabaliño do Mar, A Roda, O Pepe e Centro Cívico.

O alcalde de Xove, o popular Demetrio Salgueiro, asegurou que “a experiencia dunha chef con Estrela Michelín” como Freitas permitirá “dar un salto de calidade” á hostelería de Xove.

CARREIRA CHEA DE PREMIOS

Freitas (Santiago de Compostela, 1982), formouse na Escola Superior de Hostalaría de Artxanda en Bilbao, ademais de traballar no Celler de Can Roca, no Bohío e en Mugaritgz.

No 2009 abreu A Tafona, que naceu como unha casa de comidas na que pretendía abrir a todo o público unha cociña máis elaborada. Gañou ata cinco veces o concurso de tapas da cidade. No 2016 obtivo o segundo posto no concurso nacional Cociñeiro do Ano’ e no 2017 acadou a súa primeira Estrela Michelín.

Unha semana máis tarde, abre Lume tamén en Santiago de Compostela, un novo concepto de barra gastronómica na que cociñar baixo a premisa slow food a lume de carozo.

Cartel das xornadas gastronómicas. AXM

XOVE MIRANDO AO MAR

As xornadas gastronómicas forman parte do proxecto Construír o Futuro de Xove Mirando ao Mar, financiado polo Grupo de Acción Costeira (Galp) Mariña Ortegal e impulsado desde o departamento de emprego do Concello de Xove.

Este programa ten como principais obxectivos dinamizar turística, social e economicamente Xove e a zona da Mariña-Ortegal, aumentar o valor engadido e o consumo dos produtos desta área, e dotar ao sector hostaleiro das ferramentas necesarias para desenvolver os elementos diferenciadores que lle permita ser máis competitivo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...