Landrove celebrará os días 11 e 12 de outubro o orgullo de ser de aldea na quinta edición da Festa Labrega, presentada este venres no consistorio de Viveiro.
O presidente do colectivo Pequenos Pasos, Álvaro Otero, e varias integrantes da asociación, ademais da alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, participaron na presentación dunha programación entre a que destacan as cuartas Olimpíadas Rurais. A cita comezará ás 16.00 horas do sábado, aínda que o venres pola noite, ás 21.30 horas, acenderase a chama olímpica.
As habituais probas como o tiro de caiado ou de galleta farán as delicias dos visitantes e mostrarán a pericia dos atletas na festividade do Pilar.

O venres, a actuación de Os do 21 animará unha noite na que haberá bolos preñados. Xa o sábado, Areal abrirá a xornada festiva coa sesión vermú, que pechará a cea labrega e a verbena con Verónica Cambón. Ao remate, entregaranse os premios das Olimpíadas.
INSCRICIÓNS
As inscricións para as probas das Olimpíadas Rurais poden realizarse no número 636.01.41.53, o mesmo que para reservar praza na cea.