A asociación de veciños O Vencello de Burela remitiu escritos ao Concello e ao cuartel da Garda Civil para denunciar “o incremento da inseguridade cidadá” no municipio “ao longo dos últimos meses”.
O colectivo veciñal asegura facerse eco de “numerosas inquedanzas” por parte dos burelaos polos “diversos actos violentos contra persoas en varios lugares do municipio”, que agarda “sexan algo illado e puntual”.
O Vencello valora “o moi bo traballo diario” da Policía Local e da Garda Civil “mesmo sendo conscientes de que os recursos son limitados“. Aínda así, pide aos Corpos de Seguridade do Estado que fagan “aínda máis fincapé na vixilancia no noso pobo, a fin de acabar con todas estas accións que poñen en perigo o benestar e o día a día dos veciños, principalmente aqueles de idade avanzada, máis indefensas e vulnerables ante os actos de violencia e forza”.
Dese xeito, demanda ao equipo de goberno en funcións e á Garda Civil “pór todas as medidas á súa disposición así como facer os trámites necesarios para conseguir que se aumente a vixilancia no noso Concello e devolver ós nosos veciños a maior tranquilidade posible antes de que os acontecementos cheguen a un punto de non retorno que xa sexa moito máis difícil de controlar e solucionar”.
LLANO: “HAI QUE ATOPAR MOTIVOS E SOLUCIÓNS”
O alcalde de Burela en funcións, o socialista Alfredo Llano, anunciou que vai solicitar a celebración dunha xunta local de seguridade.
“A ninguén lle pasa desapercibido que ultimamente, tanto en Burela como noutros sitios da comarca da Mariña Lucense, de Lugo e de Galicia, hai cada vez máis actos violentos, de intimidación, de roubos ou de pelexas. No noso concello nunca houbo esta intensidade“, admite.
O rexedor en funcións asegurou que mantivo reunións tanto coa Garda Civil como coa Policía Local para “tentar normalizar a situación”. Llano considera que a xunta de seguridade servirá “para unificar criterios” e buscar “motivos e solucións“.