Iniciosociedade"O Val é o que distingue o mel do Valadouro; o noso...

“O Val é o que distingue o mel do Valadouro; o noso microclima dá moi boas flores”

A exaltación do "ouro líquido" valadourense cumprirá esta fin de semana a súa 32 edición cunha saúde de ferro, pois a mocidade volve ter interese pola apicultura

Publicada o

- Advertisement -

A Feira do Mel do Valadouro volverá o día 12 de outubro para deleitar os padares máis exquisitos co “ouro líquido” do municipio e tamén doutros lugares de Galicia e Asturias. A exaltación gastronómica cumprirá 32 anos cunha saúde de ferro. Falamos co concelleiro de medio rural e turismo, Iago Fernández, e coa productora Marifé Sixto, de O Trobo, sobre un evento que serve para visibilizar un produto que pon o municipio no mapa.

QUE SIGNIFICA O MEL PARA O CONCELLO?

Segundo os datos do Concello, no Valadouro hai 30 explotacións apícolas, cun censo que supera as 400 colmeas, nun municipio con 2.004 habitantes (datos do 2018). Non hai ningún produtor profesional, pero o mel supón un complemento económico para decenas de familias.

Sixto ten unha explotación apícola ao seu nome desde 1999, pero a tradición familiar remóntase a moito antes; a súa familia foi pioneira. O primeiro dato é da década dos 30 do século pasado. “Temos extractores desde o ano 36, desde a Guerra Civil“, sinala a produtora, que ten un museo sobre o “ouro líquido”.

A Feira do Mel iniciouse na segunda metade da década dos 80, co impulso de, entre outros, Pablo de Vilacampa, Mariano Del Fresno -director dunha revista apícola en Vigo– e do alcalde Luís Martínez. Despois colleu a testemuña a Asociación de Apicultores Alfoz-Valadouro, para logo organizala o Concello.

“Temos claro é que o mel é o produto estrela do Valadouro, ten un nome que identifica a este municipio”, expón Fernández.

Sixto, dada de alta no Consello Regulador Mel de Galicia, remarca que “desde 2003 levamos algún que outro premio. Ao principio preguntábannos de onde viñamos, onde era iso do Valadouro, ou dicían que viñamos do Valadoiro“, sorrí. “Agora vannos coñecendo“, remarca.

POR QUE SE CARACTERIZA O MEL DO VALADOURO?

“O ano pasado foi monofloral de brezo, algo excepcional pola floración. O normal é que sexa monofloral de polen de eucalipto, cun alto porcentaxe, aínda que non existe unha única floración; tamén inflúen castaños, carballos, castiñeiros, hai unha mestura que lle da un sabor característico. Imaxino que influirá o Val“, indica Fernández.

“O noso Val é o que a fai característica. Temos un microclima, que para unha xente é bo, para outra malo, debe dar unhas moi boas flores. Elas soliñas fan o seu produto, ademais de polinizar as plantas e árbores frutais”, asegura Sixto.

QUE TAL FOI A COLLEITA DESTE ANO?

“Este ano foi mellor ca o anterior, no que houbo problemas de floración. Inflúe moito o tempo; no 2018 foi malísimo, e este ano foi bo agás a partir de xuño. As abellas aproveitan o que teñen nese momento”, expón Fernández.

“Foi un ano que entra dentro da normalidade, porque creo que os verdadeiramente bos, cun clima perfecto, acabouse. O cambio climático nótase, porque as abellas teñen un ciclo e calquera alteración nótase. Este ano estaban traballando en febreiro, e todos os produtores tiñan as alzas melíferas postas nas colmeas”, asegura o concelleiro.

“A comparativa con outras zonas de España é boa. En León houbo moitos problemas, cando foi a cornixa cantábrica a que sofreu o ano pasado. Esta vez invertiuse”, conclúe.

“Desde decembro estivo florido. Este ano quedei asombrada”, sostén Sixto, “porque conseguín monofloral de eucalipto cun 93,3%, cando o mínimo esixido é do 70%”. Así, participará por primeira vez cun mel deste tipo nun concurso.

AFECTOU A VELUTINA?

“Houbo maior presenza de velutina que outros anos. Vai ser unha loita constante, na que teremos que poñer todo. Personalmente boto de menos unha mesa de traballo entre as administracións, porque os concellos, como institucións máis cercanas aos veciños, estamos algo abandonados nese sentido”, argumenta Fernández.

“Este ano non afectou moito, por suposto grazas ao trampeo, que nese sentido somos moi constantes. Pero ao haber boa floración as colmeas son máis consistentes e deféndense mellor da velutina”, asevera Sixto.

MERCADO DO OUTONO

A Feira do Mel de Valadouro aglutinará 19 postos de mel, once deles locais e o resto de produtores de Galicia e Asturias.

Ademais, a cita ofrecerá outros produtos típicos da época nun Mercado do Outono de 57 postos en total, 38 máis ca na anterior edición; haberá castañas, cunha locomotora que repartirá froitos asados da zona, cogomelos, carne e embutidos ou artesanía. A asociación de fruticultores local ofertará mazá ecolóxica producida no municipio e tamén en Alfoz.

“No Valadouro temos un Mercado da Primavera que funciona perfectamente; buscamos crear un Mercado de Outono dentro da Feira do Mel. A intención é acadar dentro duns anos a Declaración de Interese Turístico Galego, pero sabemos que iso require dun traballo de innovación e promoción”, expón o concelleiro.

ACTIVIDADES PARALELAS

Un showcooking de receitas con mel e produtos de outono, realizado por docentes da Escola de Hostalería de Foz, e un tapeo polos bares do Valadouro son dúas das novidades da 32 edición e das actividades paralelas máis destacadas para enriquecer o evento.

As receitas que se prepararán demostrarán a versatilidade do “ouro líquido” do Valadouro: castañas en tempura con mel, bacalao confitado con sobrasada e mel, e bombóns de morcilla de arroz e castañas.

Ademais, haberá actividades para nenos, animacións musicais ou sorteos. Podes consultar o programa completo nesta ligazón.

HAI RELEVO?

Coma en todas as actividades do rural, a ausencia ou presenza de relevo é un tema central. “Teño unha foto con meu pai do 1994 na feira, xa vendiamos daquela. Aquel ano, segundo viña na prensa, houbo 30 apicultores. Agora somos menos, pero estamos reputando porque estase incorporando nova xente“, explica Sixto, que engade que “ver que quere vir xente de fóra a vender quizais é un acicate”.

Moda? Creo que non o é. Creo que hai máis preocupación polo medio ambiente e pola alimentación saudable”, prosegue a produtora.

“Cada vez hai máis xente nova”, indica Fernández, e el é un exemplo dese atractivo da apicultura entre a mocidade, pois ten 28 anos. “Adrián Cao, Noé Fernández… Non semella que por agora teñamos un grave problema con iso”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...