IniciosociedadeMondoñedo gastará 450.000 euros en mercar o antigo sanatorio para a ubicación...

Mondoñedo gastará 450.000 euros en mercar o antigo sanatorio para a ubicación dun centro de menores

O Concello cederá dúas plantas do edificio a unha fundación a determinar pola Xunta, o que o PSOE cualifica de "pelotazo" e o BNG rexeita polo investimento e porque "hai alternativas"

Publicada o

- Advertisement -

A oposición coindiciu en criticar ao Concello de Mondoñedo ao aprobar en solitario, nun pleno extraordinario celebrado o pasado venres, o inicio dos trámites para a compra e rehabilitación do antigo Hospital de Cabanela, cun investimento de 450.000 euros, a fin de cedela gratuitamente a unha entidade social para ubicar en dúas plantas do edificio o centro tutelado de menores comprometido pola Consellería de Política Social.

Segundo informou a propia alcaldesa, a popular Elena Candia, a través dun comunicado, o goberno local comezou a dar pasos para que, a través dun convenio entre o Concello e o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), se restaure o que considera un edificio “emblemático” para ceder dúas das súas plantas de balde “a unha entidade social sen ánimo de lucro que será seleccionada pola Xunta de Galicia, mediante o correspondente procedemento, para unha residencia de menores”.

CANDIA REMARCA QUE SE CREARÁN “15 EMPREGOS”

Candia asegura que este servizo creará “quince postos de traballo” nas tarefas de dirección, auxiliar administrativo, traballador de noite, educadores, cociñeiro e xestor do servizo de lavandería.

A rexedora argumenta que a restauración do antigo Hospital de Cabanela, situado na Avenida das San Lucas, “suporá un avance na mellora do parque inmobiliario de Mondoñedo e mellorará tamén a imaxe urbanística. A creación de novos servizos e a rehabilitación e conservación do patrimonio construído son dous dos obxectivos do goberno municipal”, sostén.

PSOE: “ASÚMENSE TAREFAS DA XUNTA COS CARTOS DE TODOS”

Tanto PSdeG-PSOE como BNG opuxéronse á compra do edificio. Os socialistas cualifican de “auténtico pelotazo” o proxecto, un cualificativo que Candia tacha de “mentira absoluta con algún perfil de dubidosa legalidade”.

A voceira do partido socialista, Esperanza González, asegurou que “o goberno de Candia compra un edificio coa única finalidade de favorecer a unha empresa privada, Fundación Social Dignidade, cos impostos de toda a veciñanza Mondoñedo”.

González afirma que “se a Xunta de Núñez Feijóo quere traer proxectos a Mondoñedo, que o faga, adiante. Pero entendemos que o noso Concello non pode facer fronte a este investimento para esta infraestrutura. Isto non é unha competencia municipal senón propia da Xunta, polo tanto, que a asuma”, sinala a voceira socialista, que lembra que “non existe ningún informe do Concello que diga que é prioritaria a compra deste inmoble para fins sociais“.

OITO ANUALIDADES DE 56.250 EUROS A DEVOLVER

O obxectivo de Candia, asevera González é “facer méritos dentro do Partido Popular e de cara ao goberno de Núñez Feijóo a costa dos mindonienses. Pretende dar solucións a problemas da Xunta que non son competencia do Concello de Mondoñedo, iso si, pero cos cartos de todos, xa que o goberno solicitou ao Fondo de Cooperación do IGVS un préstamo a longo prazo polos 450.000 euros do valor deste inmoble, que hai que devolver en oito anualidades de 56.250 euros“, expón a concelleira socialista.

Os socialistas aseguran que o Concello “non precisa comprar máis inmobles” e sosteñen que aprobarían o investimento “para un centro público. Pero non podemos investir nun edificio, que non necesitamos, e que despois vai a recaer a unha empresa privada”, conclúen.

O BNG CRE QUE O CONCELLO “OBCÉCASE”

Pola súa banda, o BNG remarca a “existencia de varias alternativas que evitarían o desembolso de tal cantidade de diñeiro”, motivo, entre outros, polo que se opuxo á compra do edificio.

O voceiro dos nacionalistas, Eloi Cabanas, sinala que desde o partido frontista “non vemos a necesidade de gastar diñeiro público de todos os mindonienses neste edificio cando no concello hai inmobles propios ou da consellería que poderían ser empregados perfectamente para esta fin”.

Así, indica que o edificio onde estaba situado anteriormente o INEM, que é propiedade municipal, “podería albergar perfectamente un centro desas características”. Tamén “a nave que hai no Barrio dos Muíños, propiedade do IGVS, que está sendo empregada polo Concello como almacén e que se podería adaptar”, remarca.

O BNG critica ademais que resulte finalmente adxudicataria da cesión de uso do inmoble unha fundación. “Pensamos que a concesionaria debera ser a Consellería de Política Social, que é a que ten que comprometerse en garantir a prestación do servizo”, salientou Cabanas.

Os nacionalistas móstranse a favor de que se implante o servizo en Mondoñedo, pero non comprenden a “obcecación” do executivo municipal coa compra do antigo sanatorio.

“ABUSO” DOS PLENOS EXTRAORDINARIOS

Cabanas tamén criticou o “abuso” que fai a alcaldesa “dos plenos extraordinarios desde as eleccións municipais do mes de maio”. O concelleiro nacionalista expón que en diante dos comicios locais o executivo municipal convocou “catro sesións plenarias extraordinarias e unha soa ordinaria“.

Esta situación, asegura, está “a dificultar a tarefa da oposición, dado que non se sabe aínda a data do pleno ordinario que se debera ter celebrado o 27 de setembro”. Deste xeito, censura, “dilátase no tempo o debate de iniciativas de interese presentadas pola nosa formación”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...