A Federación de Comercio A Mariña (FCAM) enviará 5.000 cartas ao presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, de socios e empregados do colectivo amosando o seu apoio a Alcoa e solicitándolle ao responsable do Executivo central que tome “as decisións oportunas” para que a planta de San Cibrao poida “competir en igualdade de condicións” que o resto do sector do aluminio en toda Europa.
A FCAM, a través de cada unha das oito Acias que a conforman –Foz, Ribadeo, Burela, Viveiro, Covas, Xove, O Vicedo e Lourenzá– poñerá a disposición dos clientes e da veciñanza destes municipios cartas para remitir á presidencia do Goberno. “Só terán que poñer o selo e o remite, si así o desexan, para así personalizalas para envialas. O obxectivo é chegar ás 80.000”, explicou José Carlos Paleo, o presidente do colectivo.
Na carta dirixida a Pedro Sánchez a FCAM explícalle que aglutina a cerca de 1.000 negocios e autónomos e 5.000 empregos directos das oito asociacións de comerciantes do norte lucense que a forman.
A Federación de Comercio A Mariña amósalle ao Goberno en funcións “a nosa preocupación pola incerteza que pesa sobre a planta de Alcoa ten en San Cibrao, que xera 1.100 postos de traballo directos e outros 700 indirectos. É a empresa máis importante que ten a provincia de Lugo, e o peche sería unha catástrofe para a comarca da Mariña Lucense e os seus máis de 80.000 habitantes”, indica.
CONVIDAN A SÁNCHEZ A VISITAR A BISBARRA
Paleo subliñou que “o futuro de Alcoa depende dunha decisión económica. Consideramos, e así o expoñemos neste documento, que é mellor investir en mantemento competitivo que en paliar a destrución de emprego”.
O documento remata convidando a Pedro Sánchez a visitar a bisbarra. No acto de presentación da campaña, que tivo lugar este mediodía en Foz, estiveron xunto a Paleo os presidentes das Asociacións de Comerciantes de Ribadeo, Burela e Xove e a xerente do CCH de Viveiro.
“PREOCUPACIÓN” POR ENDESA AS PONTES
A FCAM amosa tamén o seu apoio e preocupación con todo o que está a acontecer con Endesa, de As Pontes, a súa comarca e a Terra Chá, “moi vinculada e cunha relación directa coa Mariña”.