Medio Ambiente anticipará a Mondoñedo os 450.000 euros para mercar o Hospital de Cabanela

O Concello rehabilitará o antigo sanatorio, onde se ubicará un centro de menores, e cederao a unha asociación que estableza o Goberno galego

Vázquez e Candia asinan o acordo. AXM

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para levar a cabo a rehabilitación do antigo Hospital de Cabanela, no número 9 da Avenida das San Lucas, que será destinado a un centro de menores.

Trátase dunha actuación que se leva a cabo dentro da posibilidade dos concellos de menos de 50.000 habitantes, aos que o Goberno galego lles facilita o acceso ao fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.

Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente adiantará un orzamento de 450.000 euros para adquirir e rehabilitar este inmoble que, tras a súa rehabilitación, se destinará a fins de asistencia social.

Este préstamo sen xuros concedido polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) axuda aos concellos a realizar obras de rehabilitación de edificacións, co compromiso das administración locais de devolver as cantidades percibidas. A Xunta de Galicia estableceu unha contía de 6,4 millóns de euros na convocatoria de 2019, para financiar, a través de préstamos sen xuros, actuacións de rehabilitación e rexeneración urbanas, así como a adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

O Concello mercará e acondicionará o antigo sanatorio, que cederá a unha entidade social sen ánimo de lucro estipulada pola Xunta, para a creación dun centro de menores. O goberno local deberá devolver os 450.000 euros en oito anualidades. A envergadura do investimento suscitou as críticas da oposición. O PSdeG-PSOE cualificou a situación de “pelotazo” e sinalou que a administración local está a asumir “competencias do Executivo autonómico”, mentres que o BNG asegurou que a alcaldesa se “obceca” con este proxecto.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here