IniciosociedadeOs alcaldes de Foz e Viveiro cualifican de "fume" os orzamentos da...

Os alcaldes de Foz e Viveiro cualifican de “fume” os orzamentos da Xunta para 2020

Cajoto e Loureiro resaltan que ao longo dos últimos anos boa parte partidas orzamentadas non se gastaron, mentres que Balseiro fala de "investimento récord"

Publicada o

- Advertisement -

Os alcaldes socialistas de Foz e Viveiro mostraron este martes a súa “decepción” cos investimentos para os dous municipios incluídos no proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2020.

“O documento é fume electoral pola proximidade das eleccións autonómicas, pero os veciños e veciñas de Viveiro xa están moi cansos”, advertiu a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro. “Son unhas contas elaboradas con proxectos que tiñan que estar feitos hai anos e partidas que despois non se executan”, afirma.

Entre as partidas máis importantes están un ano máis os investimentos de Augas de Galicia para, entre outros traballos, mellorar o emisario da depuradura de augas residuais de Viveiro.

ANOS DE ESPERA POLO SANEAMENTO OU A VAP COSTA NORTE

En 2010 a UE esixiu o saneamento da ría de Viveiro e a Xunta anunciou en 2011 que esta actuación estaría executada en 2015. “En setembro de 2016, asinouse o convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Viveiro, por un importe de tres millóns de euros, pero as obras seguen pendentes de execución”, lembra Loureiro.

Como exemplos doutros proxectos para Viveiro nos orzamentos da Xunta que non se cumpren, cita Loureiro, “para o ano 2018 estaban incluídos 2.205.600 euros para a VAP Costa Norte, ou 250.000 euros para saneamento en Celeiro e mellora da EDAR. Para o 2019, outros 1,5 millóns de euros para a VAP Costa Norte, 466.600 euros para saneamento en Celeiro e mellora da EDAR de Viveiro, e 334.000 euros para melloras nas liñas de tratamento na EDAR de Viveiro”.

“Nos orzamentos para 2020 aparece tamén o dragaxe de Celeiro, que levamos dez anos reivindicando, pero forma parte da zona portuaria e non é unha competencia municipal, é de Portos de Galicia, igual que o pantalán”, asegura.

“Por non falar dos 2,12 millóns que a Xunta proxecta, un ano máis, para a variante e para melloras na N-640”, engade a alcaldesa, “un proxecto do que nin sequera coñecemos en profundidade a última proposta da do Goberno galego, non podemos valorala”.

SUBVENCIÓNS DENEGADAS

“E mentres a Xunta anuncia todo isto, ao concello denegounos, so no ano 2019, as subvencións que solicitamos para mellorar a rede de saneamento da rúa Misericordia; repoboar de árbores os núcleos urbanos; fomentar a igualdade; a conciliación; para contratar a mulleres vítimas da violencia de xénero; equipamento de emerxencias; actuacións en materia de arquivos; melloras nos locais culturais, ou iniciativas para a mocidade”, asevera Loureiro.

A Xunta denegou tamén este ano o obradoiro de emprego que Viveiro tiña solicitado de forma conxunta cos concellos do Valadouro e Alfoz, como xa acontecera en exercicios precedentes, nos que Viveiro o solicitara de forma independente.

CAJOTO: “TRES ANOS CON 500.000 EUROS PARA A NOVA EDAR”

Pola súa banda, Cajoto asegura que “a Xunta, un ano máis, decepciona a Foz e a toda a Mariña Lucense“. No tocante á nova depuradora de Foz, “o principal problema xa non é a cantidade consignada, moi escasa, senón que o gasto orzamentado incúmprese ano tras ano“, sostén o rexedor.

“O papel aguántao todo. Revisadas as partidas, repítense no 2018, 2019 e 2020 os mesmos 500.000 euros para a nova EDAR de Foz que nunca se fixeron efectivos. O ano que vén tampouco se farán efectivos, de xeito que son cartos que se redistribúen e que non beneficiarán aos veciños de Foz”, indica.

Cajoto tamén se referiu ao Porto Chico, no que seguirán os problemas de abrigo e calado ao non destinar a Xunta diñeiro para a súa dragaxe. “Esperabamos un investimento no peirao de Tupide, que é absolutamente acuciante, xa que ata as zodiac de Protección Civil quedan varadas na area en marea baixa”.

“Aínda que non vemos disposición por parte de Santiago de Compostela, esperamos que as demandas dos veciños de Foz sexan atendidas: un bo momento sería a modificación deste borrador de presupostos durante o trámite parlamentario”, conclúe Cajoto.

BALSEIRO PRESUME DE CIFRAS

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou que os orzamentos da Xunta para 2020 contemplan “un investimento récord” na provincia de Lugo, máis de 1.401 millóns de euros, o que equivale a 4.252 euros por lucense, a cifra máis elevada de todas as provincias galegas.

Balseiro tirou de medidas a nivel autonómico sen reparar en partidas concretas. Así, asegura, as contas autonómicas, asegura, contemplan para 2020 “o maior gasto social da historia”, que se traduce en medidas como a mellor atención ás persoas maiores da provincia de Lugo e outros colectivos preferentes, como son os mozos ou os menores de idade”.

O delegado territorial destacou que no 2020 as escolas infantís (públicas, privadas ou de iniciativa social ou municipal) serán gratuítas a partir do segundo fillo, ampliarase a tarxeta benvida nun 25% para familias que vivan en concellos de menos de 5.000 habitantes que, no caso de Lugo son 55 municipios (o 85% do total da provincia).

Finalmente tamén está previsto estender ao cen por cen do rural lucense a rede de hospitalización a domicilio, que xa opera en comarcas como A Mariña lucense, e a instalación de caixeiros naqueles concellos nos que non hai aberta ningunha oficina bancaria como é o caso de Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Ribas de Sil e O Páramo, cuxa poboación suma 3.119 habitantes.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...