IniciosociedadeO PP de Foz e a asociación San Gonzalo cruzan acusacións pola...

O PP de Foz e a asociación San Gonzalo cruzan acusacións pola ubicación da nova depuradora

Castiñeira di que o PSdeG-PSOE "manipulou" as críticas "inxustas" do colectivo, que nega influencias e atribúelle ao ex rexedor "intereses espurios" na elección de Forxán

Publicada o

- Advertisement -

A asociación de veciños de San Gonzalo-Forxán e mailo PP de Foz polemizaron polo anteproxecto da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR). O ex rexedor e voceiro dos populares, Javier Castiñeira, acusou á agrupación de facer “críticas inxustas” ao anterior executivo no tocante á ubicación da EDAR, o que o PSdeG-PSOE manipulou nas pasadas eleccións”. O colectivo veciñal asegurou que é “autonómo e libre” e atribuíu ao edil conservador “intereses espurios” na elección do lugar onde instalar o servizo.

Despois de que tanto PSdeG-PSOE como BNG admitiran que o bipartito focego renuncia a reabrir o controvertido debate sobre a ubicación da EDAR, dada a “situación límite” no tocante aos prazos e ao “risco” da perda de fondos europeos se non se cumpren, Castiñeira felicitouse polo “cambio de opinión” de ambos partidos, que en principio rexeitaban a instalación da depuradora na Granda, en Forxán, aprobada no Pleno cos votos a favor dos conservadores e de Foz Plataforma de Futuro (FPF).

CASTIÑEIRA INSTA AO BIPARTITO A “PEDIR PERDÓN”

Castiñeira instou a socialistas e nacionalistas a “pedir desculpas por ter enganado aos veciños nestes últimos anos”. A xuízo do voceiro popular, ambas formacións políticas deben “pedir perdón por dividir á veciñanza de Forxán, en particular á asociación San Gonzalo á que enganaron e fixeron gastar moito diñeiro en avogados e informes innecesarios que agora non teñen sentido”.

ATRIBÚELLES O BLOQUEO DO ANTEPROXECTO

Neste sentido, o concelleiro dos conservadores lamentou as “críticas inxustas” desta asociación, que o PSdeG-PSOE “manipulou politicamente nas eleccións para caldear o ambiente e dificultar, como así pasou, que se avanzase no anteproxecto, chegando a poñer máis de 100 alegacións que agora quedarán en papel mollado, iso sí con un custo económico e social que van ter que pagar moitos veciños de Forxán que tamén foron enganados”.

O PP focego tamén denunciou que o bipartito que “ningunea ao resto de integrantes da comisión de seguimento da depuradora, usando a maioría absoluta que dispón”.

EXPEDIENTE TOMBADO NO 2016

O colectivo veciñal expón nun comunicado -podes lelo completo na ligazón incluída ao remate desta información- que desde o ano 2016 recolleu “a vontade dos veciños, quen reunidos en asemblea tomaron a decisión de opoñerse á tramitación dunha EDAR que non reunise os estándares sanitarios, medioambientais e urbanísticos que garantisen un óptimo funcionamento, estimando que a ubicación escolleita non era idónea e dificulta o normal crecemento da localidade de Forxán”.

Deste xeito, lembra que no 2016, un anteproxecto da nova depuradora redactado por Augas de Galicia foi tombado en atención ás alegacións presentadas pola asociación tras un informe emitido por Medio Ambiente.

EMISARIO SUBMARIÑO

En febreiro de 2019 someteuse a avaliación ambiental ordinaria outro anteproxecto que ten “deficiencias” segundo o colectivo, que presentou máis de 180 alegacións. “Medio Ambiente devolveu o documento a Augas de Galicia e ordenoulle, entre outros aspectos, someterse ao informe previo de Fomento respecto do emisario submariño que non contempla o devandito expediente, que é obrigatorio e vinculante”, indica. 

A agrupación veciñal estima que a publicación deste informe “producirase nun prazo non inferior a seis meses” tralo que Medio Ambiente “emitirá a súa declaración medioambiental á que deberá someterse o proxecto constructivo”. Deste xeito, remarca que “aínda non se dirimiu cal é o lugar de instalación idóneo e mellor valorado tecnicamente”, porque o anteproxecto ten “defectos moi substanciais”.

OS VECIÑOS FALAN DUN MAIOR GASTO DE “6,25 MILLÓNS”

Deste xeito, o colectivo advirte de que estará “atento” á evolución do anteproxecto da nova EDAR de Foz, coa intención de que a depuradora sexa “modélica” e cun custo “que non sexa gravoso para os cidadáns”. Neste sentido, critica que “o gasto engadido” do anteproxecto para a veciñanza será “anualmente de 250.000 euros, o que supón na súa vida útil de 25 anos a nada despreciable cifra de 6,25 millóns de euros”.

Así, no referente á queixa de Castiñeira polos “trastornos causados” á veciñanza, considera que o asesoramento técnico contratado custou “solto” en comparanza co “custo insportable para os veciños, que teremos que abonar anualmente a través dos correspondentes impostos, taxas e cánones”.

COMPRA DE TERREOS “SOSPEITOSA”

A agrupación recorda que está pendente de sentenza xudicial un recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra a modificación de crédito aos orzamentos de 2017 para comprar os terreos, “por 70.000 euros e de titularidade espuria”, nos que se instalaría a nova EDAR. Deste xeito, reclaman unha ubicación sobre a que non haxa “sospeitas” de que as parcelas “poideran ser calificadas dun xeito ilexítimo ou non auténtico”20191025123144 (1)

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...