Guía para desfrutar do Samaín na Mariña Lucense

As celebracións da festividade de orixe celta arrincan este xoves e estenderanse por varios municipios mariñaos tamén durante a fin de semana

Samaín do Vicedo. AXM

Este xoves comeza a celebración do Samaín na Mariña Lucense, unha festividade tradicional que se vén recuperando ao longo dos últimos anos. O Xornal da Mariña presenta unha guía para non perderse os múltiples actos que haberá na bisbarra 

O Vicedo é pioneiro da celebración do Samaín na bisbarra, con dezasete edicións. Este xoves, a partir das 19.30 horas, celebrarase Desfile Infantil-xuvenil de Samaín, organizado polo Concello e a Asociación de Nais e Pais (Apa).

O lugar de saída e regreso será a casa da cultura e, como unha das novidades, haberá un novo percorrido con sorpresas terroríficas doces durante o mesmo. Para manter o espíritu característico do desfile de Samaín do Vicedo, desfilarase cunha sábana branca a modo de hábito. Ao remate do desfile haberá bolos preñados, castañas e postres de Samaín para todos os asistentes.

XOVES

En Cervo, a asociación cultural e recreativa Fervenza de Sargadelos celebrará unha festa de Samaín o xoves a partir das 18.45 horas, nas escolas vellas. A cita comezará cun espectáculo de narración oral con obxectos e títeres, ‘O Espantamedos‘, de Fantoches Baj.

Samaín de Cervo. AXM

A continuación, os asistentes poderán desfrutar dunha chocolatada. Máis tarde, haberá concurso de disfraces e cabazas para rematar cun desfile desde as escolas ata a Praza do Souto, onde se entregarán os premios do certame.

O Concello de Barreiros, pola súa banda, céntrase nos nenos. Organiza unha festa intantil no centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro, en horario de 10.00 a 13.30 horas, e está dirixida a nenos e nenas de educación infantil e primaria (nados entre os anos 2008 e 2016).

Entre as actividades que se desenvolverán haberá un obradoiro de cabazas, manualidades, lectura de contos de Samaín, decoración do consistorio e unha degustación de comida terrorífica cortesía da Asociación Hostelería de Barreiros que colabora con este evento.

No Valadouro, a festa do Samaín será este xoves ás 17.30 horas, na casa da cultura, con photocall, pintacaras e xogos.

En A Pontenova (17.30 horas, casa da cultura), proxectarase a película ‘La novia cadáver‘, con entrada a catro euros para non socios da Anpa. Ademais, haberá contacontos e merenda. 

VENRES

En Viveiro, o vindeiro venres haberá obradoiros de Samaín na sala de exposicións da biblioteca, de 16.30 a 18.00 horas (para pequenos de catro a sete anos) e de 18.00 a 20.00 horas (para nenos de oito a doce anos). Anotan no número de teléfono 654.20.83.33.

En Cervo, haberá taller de contos e cómics de Samaín no Ecomuseo (desde as 11.00 horas), contacontos con A Trastenda dos Contos (12.30) e festa infantil na Casa do Mar de San Cibrao, desde as 17.30 horas.

En Foz, a cita será o venres da man da asociación cultural Ruxe Ruxe. A partir das 16.00 horas, haberá festa infantil con contos, pintacaras, concurso de cabazas e chocolatada. A partir das 23.30 horas celebrarase a ‘Noite tenebrosa‘, con concurso de disfraces e disco-móbil.

Samaín de Foz. AXM

Tamén o venres, en Burela, a Asociación Xebra organiza desde as 17.00 horas un programa que inclúe obradoiro de pintacaras e espantallos, pintacaras, pasarrúas e actuación de Trinketrinke Teatro.

SÁBADO

En Mondoñedo, a Asociación Cultural o Pasatempo organiza o sábado un pasarrúas coa comitiva do Samaín, a partir das 19.00 horas, e un posterior Magosto na Praza do Concello, coa actuación da Gaitaescola.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here