A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta de Galicia activou a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Lugo.
Segundo informou Vicepresidencia nun comunicado, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) avisa de que o fenómeno adverso costeiro de nivel laranxa afectará desde a tarde deste xoves ao noroeste e ao oeste do litoral da provincia da Coruña e, a partir da medianoite, tamén se estenderá ao suroeste da costa coruñesa e á Mariña Lucense.
En concreto, espéranse ventos do sur ou do noroeste de forza 7 e mar combinado do noroeste con ondas de cinco a sete metros segundo a zona.
Ademais, no litoral de Pontevedra a alerta será de nivel amarelo tamén desde este xoves pola tarde por mar combinado do noroeste con ondas de catro a cinco metros.
RECOMENDACIÓNS
Debido ao temporal costeiro, a Xunta recomenda permanecer lonxe da liña de costa e das praias e paseos marítimos co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos.
Tamén, entre outras recomendacións, aconséllase a suspensión da actividades pesqueiras e marisqueiras como “medida preventiva”, destaca a Xunta, naquelas “zonas máis perigosas”, así como “extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións”, engade.
ALERTA AMARELA POR NEVE NA MONTAÑA
Así mesmo, a Xunta informou de que ao final deste xoves tamén se activa a alerta amarela por neve en zonas de montaña das provincias de Lugo e Ourense, que se prolongará ata a tarde deste venres.
Nestas zonas, indican as mesmas fontes, espérase acumulación de máis de cinco centímetros de neve en cotas ao redor dos 1.100 metros de altura.