O Concello de Ribadeo quitou a licitación o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) na modalidade de dependencia, por un prazo de dous anos máis posible prórroga doutro. O orzamento para 2020 e 2021 ascende en total a 1.047.000 euros, 523.000 euros por exercicio.
As empresas interesadas dispoñen ata o 28 de novembro para presentar as súas ofertas.
52 USUARIOS
Serán 33.000 horas anuais as que teña que prestar a empresa adxudicataria, e deberá ofrecer servizos de podoloxía, fisioterapia e perruquería a domicilio. Na actualidade o SAF na modalidade de dependencia conta con 52 usuarios en Ribadeo.
O alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, anunciou que “desde o Concello de Ribadeo nestes días estamos coa licitación pública dun contrato moi importante, que estaba vencido xa desde había algún tempo e que era necesario que volvésemos a sacalo en licitación pública”.
O rexedor explicou que “é un contrato que engloba aproximadamente 2.750 horas ao mes, e sacámolo a un prezo tipo de 15,25 euros por hora máis IVE, o que significa unha actualización importante dos 12,8 euros que estábamos pagando agora”.
“Hai que lembrar que contempla todo tipo de atencións de carácter persoal, de necesidades domésticas e mesmo tamén atención de carácter psicosocial para toda esta xente que o necesita. Vai cunhas atencións complementarias desta volta con actividades de acompañamento, de servizos de podoloxía, de fisioterapia e tamén de perruquería a domicilio”, expón o rexedor.
CONDICIÓNS LABORAIS
Suárez Barcia subliñou que “neste novo contrato, o seu importe está baseado basicamente en gastos de persoal, polo que ten un incremento importante porque se adapta á nova lexislación da lei de contratos que agora é máis garantista para os propios traballadores do servizo, no senso de que cobrarán segundo os convenios colectivos e que as baixas que as empresas poidan facer non poden ir contra eses dereitos laborais. Ademais de que o número de horas vai ser incrementado con respecto a outros contratos, tamén agora, no que ten que ver para os traballadores, se vai adaptar aos convenios aplicables, garantíndolles incluso cobertura de vacantes, de baixas, de vacacións e de desprazamentos, por exemplo”, indica.
Por outra banda, salienta Suárez Barcia, “agora prevese unha bolsa de horas máis grande, vai haber un mínimo de 600 horas a maiores e imos contar con servizos adicionais de podoloxía, de fisioterapia, de perruquería”.
PRAZO ATA O 28 DE NOVEMBRO
O alcalde de Ribadeo engadiu que “todas aquelas empresas cualificadas que se queiran presentar a este contrato, teñen toda a información publicada na plataforma de contratos do Estado e teñen de prazo ata final deste mes de novembro, concretamente ata o día 28, para presentar as ofertas que consideren convintes”.