O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu este xoves en Santiago de Compostela a entrega dos galardóns á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia, coñecidos como premios Exceleite. Entre os premiados resultou unha granxa ribadense, Bruno Cid.
Estes premios teñen como finalidade recoñecer aos gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, polo tanto, coa calidade do leite que producen nas súas explotacións. Así, estes galardóns distinguen ás granxas en tres categorías en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e, á súa vez, estas subdivídense cada unha delas en tres grupos segundo o sistema de produción (intensivo, semiextensivo ou extensivo). Tamén se recoñecen de xeito específico as mellores explotacións ecolóxicas.
Deste xeito, Cid obtivo o segundo premio no tocante ás granxas de tamaño mediano e produción semiextensiva.
A estes premios optaron todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) e que estiveran dadas de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das ecolóxicas, no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). Polo tanto, os gañadores pasaron uns controis serios e rigorosos levados a cabo por profesionais do Ligal, veterinarios e técnicos da Consellería, e que dan mostra do comprometidos que están coa calidade do seu produto.
GALICIA PRODUCE O 40% DO ESTADO
Na súa intervención, González puxo en valor os produtos do agro en xeral e o leite en particular. “Temos a mellor materia prima”, matizou, e engadiu que esa calidade -máis que recoñecida- vén abalada polo traballo e seriedade dos gandeiros nas explotacións. Un traballo, dixo, que está reforzado coa actuación dos técnicos, dos veterinarios e de todo o persoal que asesora aos produtores, incluíndo tamén a industria e a distribución.
Nesta liña, o conselleiro lembrou que Galicia segue sendo líder en España no sector lácteo, con preto do 40% da produción do leite total, e incidiu en que este eido produtivo é un dos motores do rural galego e da economía da nosa comunidade. “Impulsar a calidade da produción agroalimentaria é vital para o desenvolvemento dun campo forte e con futuro”, sostivo. E, para iso, incidiu en que é preciso conseguir mellores prezos para que permitan seguir gozando da mesma calidade do produto como ata o de agora.