O BNG de Burela denunciou este xoves que chove no Colexio de Educación Infantil e Primaria (Ceip) Virxe do Carme, ubicado na zona dos Castros.
Os nacionalistas amosan a súa “preocupación e indignación” polas filtracións de auga nun centro no que no pasado verán se executou unha reforma valorada en case 900.000 euros.
“Despois de levar meses escoitando por parte do Partido Popular o investimento da Xunta de Galicia no colexio dos Castros, observamos estupefactos como despois das reformas realizadas, está a chover dentro das instalacións”, expón o voceiro dos nacionalistas, Mario Pillado.
PIDEN “EXPLICACIÓNS” AO PP
“Esiximos á Xunta de Galicia que actúe de inmediato para solucionar os desperfectos e as deficiencias no centro e aos responsables políticos do PP que dean explicacións sobre estes feitos”, reclaman desde o BNG burelao, que demanda tamén ao goberno local en funcións “que se poña mans á obra e demande solucións por parte da Consellaría de Educación“.
OS SOCIALISTAS REXISTRARÁN UNHA INICIATIVA PARLAMENTARIA
A secretaria provincial socialista e deputada autonómica, Patricia Otero, avanzou que o PSdeG-PSOE rexistrará novamente iniciativas parlamentarias para coñecer que é o responsable do estado do centro educativo.
“Hoxe chove dento do centro, sen que ninguén se faga responsable desta situación. E os únicos que están sufrindo estas inclemencias son os propios alumnos que teñen que estudar nesta situación lamentable”, advertiu Otero, que lembrou as incidencias acontecidas en Cervo ou Foz por mor das obras, que atribúe “á falta de planificación” da Xunta.
Ante este panorama Otero replica que “hai unha irresponsabilidade total por parte do Goberno de Feijoo e do PP, xa que poden poñer en risco a seguridade tantos dos alumnos como dos docentes”, advertiu.