A Compañía Nacional de Danza de Ucraína presentará no pavillón de Vista Alegre de Burela, o 25 de decembro, ‘Virsky’, un espectáculo que se representa desde 1937 e que viron máis de 10 millóns de espectadores.
Un total de 60 bailaríns participarán nun espectáculo de danza que “é baile, folclore, virtuosismo, ledicia, cor e moita precisión. O vestiario é de cinco toneladas”, indica Leonor Gago, de Concerlírica.
Gago indica que a Compañía Nacional de Danza de Ucraína “é un grupo nacional pagado polo Estado, teñen a súa propia academia, a súa propia canteira de nenos que empezan con seis anos, é unha graduación académica universitaria”.
“DE 35 A 50 EUROS NAS CAPITAIS”
A directora de Concerlírica destaca que aqueles que se acheguen a Burela a ver o espéctaculo, nun día como o Nadal, poderán ver “algo que non se pode ver en calquera sitio, e que algúns van ter que ir ao Teatro Real e ao Liceo para velo. Só hai vinte actuacións en España, e ver ‘Virsky’ nunha gran cidade pode custar entre 35 e 50 euros, mentres que en Burela serán 12”.