IniciosociedadeA Xunta critica "o uso político" das goteiras no Virxe do Carme,...

A Xunta critica “o uso político” das goteiras no Virxe do Carme, que atribúe ao temporal

Educación considera a filtración de auga, nos vestiarios da cociña e do comedor, como "un pequeno incidente, puntual e localizado", e sinala que se está a traballar na reparación

Publicada o

- Advertisement -

A Xunta de Galicia explicou este venres a través dun comunicado que a empresa construtora encargada da obra de remodelación do colexio Virxe do Carme de Burela “traballa desde o pasado xoves na corrección da filtración de auga que, con carácter puntual e localizado, afectou ao vestiario da cociña e comedor deste centro educativo”.

Arquitectos da Unidade Técnica da Consellería de Educación comprobaron a avaría, “considerada de pequena incidencia, así como o desenvolvemento dos traballos que se están a acometer para reparala e garantir que quede perfectamente selada”.

Todo apunta, segundo a Xunta, “a que a filtración puido deberse á rotura de varias lousas na cuberta do edificio número 1, nos puntos nos que se apoiaba o andamio empregado para a obra, feito combinado co vento e as fortes precipitacións dos últimos días”.

“NORMALIDADE” NA ACTIVIDADE ESCOLAR E NO COMEDOR

A Administración autonómica destaca que tanto as clases como o resto da actividade do centro, incluído o uso do comedor, desenvolvéronse “sen incidencias e con total normalidade”.

Desde a Xunta de Galicia lamentan o “aproveitamento político que algúns partidos quixeron dar a esta avaría” e resaltaron que, tanto a dirección do centro como a propia empresa encargada das obras, “actuaron desde o primeiro momento para corrixir a situación”.

O Goberno autonómico resalta que tanto o pasado xoves coma este venres “operarios traballaban na propia cuberta do edificio a pesar do temporal de vento. No interior hai disposto un deshumidificador para, unha vez eliminada a filtración, actuar no falso teito e pintar os parámetros, se fóra preciso”, expón.

“Non é unha circunstancia extraordinaria que cando ten lugar un importante temporal de vento e chuvia poidan producirse filtracións ou desperfectos nas instalacións dos centros educativos que, as direccións do centro e coordinación coa Unidade Técnica de Educación, corrixen con celeridade”, argumenta a Xunta.

FALTAN “PEQUENOS REMATES” DA REFORMA

Malia que a obra de reforma, cun investimento de máis de 860.000 euros, “está finalizada”, indica o Goberno autonómico, “persoal da empresa construtora continúa no centro precisamente realizando pequenos remates e supervisando as actuacións realizadas para garantir que estean en perfecto estado antes da recepción dos traballos”.

ÚLTIMAS

Lara Fernández: “É necesario darlles voz aos máis novos sen ter que mediar un adulto”

-Cal foi o motivo da visita do Grupo de Participación Xuvenil do Concello de...

Comesaña di que Sanidade nunca negou que houbese falta de especialistas na Mariña

O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, apuntou que o pico de gripe en...

A Deputación cualifica de “irresponsables” aos bombeiros do parque de Barreiros

O Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento de Lugo informou de que o Parque...

Ribadeo inaugura a pista de xeo para este Nadal

A pista de xeo e RibaXogo abriron as súas portas esta tarde nas carpas...