O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga de Ribadeo presentou este luns unha formación única en Galicia, o ciclo de Electromecánica de Maquinaria, que se ofertará por primeira vez en modalidade dual. O alumnado compaxinará as clases teóricas no centro educativo coa aprendizaxe práctica en seis empresas colaboradoras do sector agroforestal.
O ciclo durará desde setembro do 2018 ata agosto do 2020. Durante os dous cursos dos que consta o programa, o alumnado alternará os períodos de ensinanza teórica, no centro, e a formación nas empresas, cunhas bolsas durante este período de 500 euros mensuais.
o alumnado accederá a bolsas de 500 euros mensuais durante o período práctico
O CIFP Porta da Auga asinou convenios con seis empresas do sector agroforestal, que abranguen a Mariña central, oriental e o occidente de Asturias, para que os alumnos completen a súa formación práctica. As firmas colaboradoras son Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN SCG) de Os Irmandiños, en Ribadeo; Centro Técnico de Maquinaria Forestal (TECMAF), de Barreiros; Logmax Iberia, de O Valadouro e Foz; Talleres El Frondigo, de Vegadeo; Agroforestal Rouco, do Valadouro; e Talleres Ramón Castro (MONRA Forestal), de Castropol.
MATRÍCULA
Os requisitos para poder acceder a esta formación son ostentar a certificación académica de acceso a ciclo medio e ter unha idade comprendida entre os 18 e os 29 anos. O centro abriu o prazo de matrícula para as doce prazas ofertadas, que ficará aberto ata setembro. A directiva do CIFP anima aos interesados a achegarse polas dependencias do mesmo, onde poderán asesorarse sobre calquera dúbida.
o centro asinou convenios con media ducia de compañías da mariña central, oriental e occidente de asturias
NOVA DIRECTIVA
O CIFP deu a coñecer ademais a súa nova directiva. Logo de máis dunha década á fronte do centro, Beatriz Dobaño, xa ex directora, e Jesús Menéndez, ex vicedirector, deixan os seus postos a Isidro Berdeal Díaz e Begoña Vázquez Veiga, respectivamente.
Isidro Berdeal Díaz é profesor de Automoción do centro, no que tamén foi alumno. Begoña Vázquez Veiga é docente da especialidade de servizos socioculturais e á comunidade. José Manuel López Teijeira seguirá como xefe de estudos, e Rafael Fernández Reiriz continuará como secretario. A nova directiva mostrou a intención de manter a mesma liña da anterior.
OFERTA EDUCATIVA
Administración e Finanzas, Servizos Socioculturais e á Comunidade, Electricidade e Electrónica, Edificación e Obra Civil e Transporte e Mantemento de Vehículos son as cinco ramas de formación que ofrece o centro. Podes consultar a súa oferta educativa completa aquí.