Poñentes de Tarifa ou Illas Baleares participarán no Congreso Nacional das Artes de Pesca

A primeira edición do simposio, os días 12 e 13 de decembro, incluirá un encontro infantil para promover bos comportamentos relacionados co medio mariño

Presentación do Congreso Nacional das Artes de Pesca. AXM

A Fundación Expomar presentou este martes o primeiro Congreso Nacional de Artes de Pesca, así como o primeiro Congreso Infantil ‘Conservemos o noso Mar’, que
terán lugar en Burela durante o mes de decembro.

Estas accións inclúense dentro do proxecto Centro de Coñecemento en
Patrimonio Cultural Pesqueiro, que promove a Fundación Expomar, coordinado
pola consultoría Valora e financiado polo GALP A Mariña Ortegal.

O acto estivo presidido polo presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela,
Alfredo Llano; o xerente da Fundación Expomar, José Manuel González ‘Brais’; e
Susana Santamarina, de Valora Consultores, que presentaron o proxecto completo
e os diferentes contidos e actividades incluídas nos programas dos dous congresos.

Ao acto, que tivo lugar no Hotel Nordés de Burela, acudiron numerosos
representantes políticos da comarca, alcaldes, patróns e membros da Fundación
Expomar e centros educativos locais, así como dirixentes de entidades mariñanas
relacionadas co mundo do mar.

CENTRO DE COÑECEMENTO EN PATRIMONIO CULTURAL PESQUEIRO

O Centro de Coñecemento nace co obxectivo de poñer en valor o sector náutico
pesqueiro da zona e divulgar o patrimonio e a cultura mariñeira da Mariña Lucense,
tratando de involucrar á poboación local en tódolos temas relacionados coa pesca.

O primeiro Congreso Nacional de Artes de Pesca é un dos grandes eventos que
se inclúen dentro deste proxecto. A cita terá lugar no salón de actos de Armadores
de Burela (ABSA) durante a tarde do xoves 12 e a mañá do venres 13 de decembro,
xornadas nas que se sucederán diferentes conferencias e mesas de debate sobre as artes de pesca e o sector pesqueiro en xeral, coa participación de entidades e profesionais
de toda a xeografía española.

Entre outros, participarán o patrón maior de Burela, Basilio Otero, que falará sobre o relevo e o papel das novas xeracións; o seu homólogo en Tarifa, Manuel Suárez, ou o Director Xeral de Pesca das Illas Baleares, Juan Mercant, falarán dos distintos tipos de artes de pesca en cada área xeográfica. Podes consultar o programa provisional nesta ligazón.

O ENCONTRO INFANTIL, ANTESALA

Como antesala a este congreso, na mañá do xoves 12 de decembro celebrarase na
casa da cultura de Burela o congreso infantil, centrado sobre todo en promover os comportamentos respetuosos co medio mariño e que inclúe un concurso de debuxo, ‘O Mar Luce‘, entre alumnos dos centros educativos locais.

No congreso infantil presentaranse a curta ‘Todos os días o mar‘, ou a doutora en Historia Contemporánea Herminia Pernas falará da contribución do porto de Burela á pesca sostible.

CHARLAS NOS CENTROS EDUCATIVOS

Vinculadas a este congreso infantil xa están tendo lugar unha serie de actividades
en Burela, como un ciclo de charlas nos centros educativos, como a que tivo lugar a
semana pasada por parte de membros da Asociación de Mariñeiros Xubilados A
Moncloa, que explicaron aos alumnos de quinto de Primaria e de cuarto de ESO os oficios
mariñeiros e un obradoiro de elaboración de nudos mariñeiros.

Outras das actividades programadas dentro do Centro de Coñecemento son un
inventario online de artes de pesca e un catálogo da flora e fauna mariña da costa
norte de Lugo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here