O Concello de Foz anunciou este sábado a resolución da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), que desestimou definitivamente o recurso de reposición interposto no mes de febreiro de 2017 polos propietarios dos nove chalés da Areoura, ordenando que se proceda á demolición á costa dos titulares, como indicara en decembro de 2016.
A APLU resolve negativamente o recurso potestativo de reposición, unha decisión da que se congratula o alcalde, o socialista Fran Cajoto. “Nunha das praias máis emblemáticas do concello de Foz, no areal máis concorrido de Cangas, levamos máis de 40 anos sufrindo o feísmo dunhas estruturas en ruína polo paso do tempo e que constitúen un auténtico perigo para calquera persoa que se achegue a esa zona da costa. É unha mágoa que os veciños levemos tanto tempo agardando, pero empezamos a ver a luz ao final do túnel”, asegura.
Cabe aínda posibilidade de recurso perante o xulgado –indican desde o Concello de Foz- pero a resolución definitiva por parte dos técnicos “e as conversas establecidas desde a alcaldía fannos ser optimistas e agardamos que os prazos non se dilaten máis no tempo”, sostén Cajoto.
UNHA ÁREA RECREATIVA CON PÁRKING, OBXECTIVO DO CONCELLO
Cajoto engade que “é unha zona especial, que debe ser para desfrute de todos, como indica a Lei de Costas. Ao respecto quero destacar que a intención do equipo de goberno é dispoñer na zona que actualmente ocupan os chalés e a súa urbanización unha área recreativa cun amplo aparcadoiro, para poñer en valor a Areoura e o seu entorno como un referente na parroquia de Cangas e para todo Foz”.