A CIG concentrarase o vindeiro luns, 25 de novembro, ás 11.30 horas, fronte á residencia de Cervo para conmemorar o o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, dado que entende que “a precarización do traballo nos coidados tamén é violencia machista“.
O sindicato nacionalista fai cada ano unha campaña coincidindo coa data, poñendo o foco desta volta “na precarización que sofren as mulleres que prestan servizos no eido dos coidados. Traballos nos que as mulleres non só padecen a temporalidade e salarios miserentos, por debaixo do SMI, senón que mesmo se ven obrigadas a realizar tarefas para as cales non están contratadas“, indica.
A central asegura que as profesionais traballan “sen EPI’s, con problemas de conciliación, acoso sexual nos domicilios, acoso laboral e por razón de sexo ou concrecións horarias da xornada con variacións diarias. Isto acontece porque o traballo no fogar e de coidados de persoas dependentes é continuamente ignorado pola economía capitalista e polos poderes públicos. Ao mercantilizalos, convertéronse en
empregos de segunda, e desenvólvense en condicións de elevada precariedade laboral, con desigualdades de xénero, de clase, raciais (ou de etnia)“, afirma.
“Cada vez son máis as empresas que prestan este tipo de servizos, operando a través de institucións públicas, que en lugar de ofreceren directamente estas prestacións, privatízanas mediante subcontratas. Toda unha serie de irregularidades que se cometen coa complicidade da Xunta de Galicia, dos Concellos e das propias empresas concesionarias dos servizos”. Por iso a campaña “non se vai cinxir só a denunciar as condicións nos Servizos de Axuda no Fogar, senón tamén nas residencias de terceira idade, centros de día, escolas infantís, comedores escolares, nos traballos de limpeza e de asistencia no fogar, entre outros”, explica o sindicato.
RECLAMACIÓNS
A CIG reclama a integración no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e de Benestar de todo o persoal que traballe nos servizos de axuda no fogar, “universalizando a atención á dependencia con servizos sociais de axuda a domicilio, centros de día e residencias asistidas de carácter público; o recoñecemento pleno dos dereitos laborais e protección social para as traballadoras do fogar e de coidados no Estatuto dos e das Traballadoras e a súa integración completa no Réxime da Seguridade Social”, expón.
Tamén “salarios dignos e adecuados ao grao de responsabilidade que esixe o traballo de e accións formativas específicas para o desempeño dos postos, garantindo o cumprimento da lei de prevención de riscos laborais; recoñecer as enfermidades profesionais e accidentes de traballo; establecer medidas preventivas e protocolos de actuación ante o acoso e os riscos psicosociais derivados da actividade”, conclúe.