IniciosociedadeA Mariña tínguese de negro para rexeitar a violencia contra as mulleres

A Mariña tínguese de negro para rexeitar a violencia contra as mulleres

Miles de persoas participaron nos diversos actos programados polo 25 de novembro

Publicada o

- Advertisement -

Miles de persoas participaron por toda a xeografía da Mariña Lucense nos actos de reivindicación do 25 de novembro, o Día Internacional contra a Violencia cara ás Mulleres, nun día no que houbo un novo asesinato dunha muller -Sara- a mans da súa parella, en Tenerife.

ANDAINAS, MARCHAS, CONCENTRACIÓNS

En Ribadeo, arredor de 700 persoas vestidas de negro -entre elas alumnado dos centros de ensino ou usuarios do centro de día- participaron na andaina en contra das violencias, que esta mañá percorreu varias rúas da vila para rematar no Cargadoiro. Alí Mariluz Álvarez Lastra, concelleira de Igualdade, leu o manifesto conmemorativo. O acto deu comezo coa lectura dun poema de Sandra Saavedra e rematou cun rap do Comité Lila. O acto reclamou a fin das violencias contra as mulleres e, en particular, no Camiño de Santiago, animando ás peregrinas a reivindicar o seu dereito a viaxar soas.

Acto en Ribadeo. AXM

En Foz e en Burela houbo concentracións. Na focega participou a corporación e o persoal municipal; pola tarde entregáronse camisolas conmemorativas nun acto celebrado diante do consistorio.

Foz. AXM

No concello burelao procedeuse á instalación dun stand informativo contra a violencia machista, na Praza do Concello, onde persoal especializado en violencia de xénero facilitou, durante todo o día, información ás persoas que decidiron achegarse ata alí e tamén distribuíu material de sensibilización e prevención.

Acto en Burela. AXM

En Barreiros, o acto conmemorativo tivo como temática o sentido da vista. Tanto a rexedora, Ana Ermida, como a concelleira de Igualdade, Montse Porteiro, leron o manifesto pedindo máis medidas para erradicar as violencias contra a muller. Acudiu ao acto alumnado dos colexios de San Cosme e San Miguel, a corporación municipal e numerosas persoas.

Barreiros. AXM

En Viveiro, arestora celébrase unha marcha nocturna reivindicativa que rematará nos Castelos. Centos de persoas, vestidas de negro ou color escuro e portando unha lanterna, participan na andaina. Tamén haberá un apagón simbólico do alumeado da ponte e da Praza Maior.

O Hospital Público da Mariña tampouco foi alleo á data. No centro hospitalario mariñao reivindicouse que a precariedade laboral no sector da sanidade, altamente feminizado, ou a escaseza das políticas de conciliación “tamén son violencia contra as mulleres”.

Igualmente, a CIG protestou fronte á residencia de San Cibrao pola precariedade no sector dos coidados, onde as mulleres representan a inmensa maioría do persoal.

OS ACTOS CONTINÚAN ESTE MARTES

Os actos polo 25-N non rematan este luns, senón que se prolongarán ao longo da última semana de novembro e tamén durante o mes de decembro. Este martes, o Observatorio da Mariña pola Igualdade proxectará a película ‘Todas as mulleres que coñezo’ e posterior coloquio coa súa directora, Xiana do Teixeiro (sala multiusos do consistorio de Viveiro, ás 20.00 horas).

Cartel da película. AXM

Podes consultar nesta ligazón os actos pendentes en Burela ou Alfoz.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...