A asociación A Concordia de Ribadeo emitiu un comunicado no que lamenta o falecemento o pasado 24 de novembro do que durante tres décadas fose o seu presidente, Antonio López de Prado Yáñez, de 93 anos.
Entre os méritos acumulados polo falecido, a agrupación destaca “a súa oposición, nos anos 70, ao proxecto de unión de varias sociedades ribadenses, o que suporía que A Concordia desaparecese“. En segundo lugar “impulsou a incorporación de novos socios, rexuvenecendo a sociedade e incorporando mulleres á directiva”.
Finalmente, salienta o colectivo, “foi o promotor da idea de doar a maior parte do capital que tiña a sociedade para, en colaboración co Concello, poñer en marcha un Centro de Día para a Terceira Idade. O proxecto de colaboración asinouse en abril de 2001 e a achega da Concordia foi de 20.000.000 de pesetas (120.000 euros) para as obras de adecuación e dotación de equipamento no antigo Matadoiro Municipal”, salientan. Na actualidade, a xestión depende da Xunta de Galicia.