Ribadeo exaltará o produto local o domingo, con obradoiros e degustacións

Un taller para cultivar un horto no balcón ou unha cata de tomate son algunhas das actividades programadas

Un posto do Mercado dos Domingos ribadense. MERCADO DOS DOMINGOS

Ribadeo exaltará na mañá do 29 de xullo, dentro do Mercado dos Domingos, o seu produto local. Degustacións, obradoiros e actuacións musicais serán os integredientes dunha xornada adicada a valorar o horto ribadense e o comercio de proximidade.

Organizan a actividade o Concello de Ribadeo e a Asociación de produtores e produtoras da Horta de Ribadeo A Sucadoira, en colaboración coa Aula de Produtos Lácteos de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Centro de formación e experimentación agroforestal (CFEA) Pedro Murias.

PROGRAMA

A xornada comezará cun ecoalmorzo, doce e salgado, que se ofertará desde primeira hora. Ás 11.00 horas arrincará un obradoiro titulado Aprende a facer un horto no teu balcón. Os asistentes desfrutarán de recomendacións para poñer en práctica unha mini produción agrícola caseira. Anotan para a actividade no correo adl@ribadeo.org, ou no número de teléfono 982.128.650.

Entre as 12.00 e 14.00 horas, ao remate do taller, o dúo que forman Íria Estévez e Gonzo Piña interpretarán fados e outras músicas populares. Ás 13.00 horas, a organización disporá dunha cata de tomate dirixida por especialistas da Aula de Produtos Lácteos da USC. Os expertos darán consellos para aprender a diferenciar e valorar o tomate ecolóxico da zona, do que o CFEA Pedro Murias ofrecerá unha mostra.

Por último, os bares da contorna ofrecerán a tapa do mercado como tapa de cortesía. Participarán na iniciativa os seguintes locais: Fumarel, Delicias, Taller, Queimada, Prohibido, Ribeira e O Forno.

A edil de desenvolvemento local, Ana Martínez, asegura que o Mercado dos Domingos “é o mellor lugar para comezar a valorar o produto local, onde se achegan directamente os produtos ao consumidor, dos agricultores á mesa. Así”, resaltou, “potenciamos a economía máis próxima e o consumo de tempada e responsable”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here