O vindeiro xoves, 5 de decembro, comezará a campaña de Nadal do Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV), o mesmo día no que o Concello inaugurará o belén a tamaño natural e acenderá o alumeado de Nadal. A asociación de comerciantes optará un ano máis pola decoración das rúas, que locirán “espectaculares”.
Para premiar a fidelidade dos clientes que ano tras ano confían e apostan polo comercio local para facer as súas compras sortearanse 6.000 euros en premios. Serán inicialmente 2.000 euros os que se poñan en xogo na ‘Ruleta do Nadal‘, que se colocará os días 12, 13 e 14 na Praza Maior. Por cada tique de 20 euros en compras terase dereito a unha tirada e pódese gañar un premio directo.
A partir do mércores 26, coas compras realizadas nos comercios asociados entregaranse as papeletas para entrar no sorteo de tres soldos de 1.200 euros cada un en vales de compra repartidos ao longo dun ano; serán 100 euros ao mes durante o exercicio para cada un dos tres beneficiarios.
O sorteo farase o 4 de xaneiro ás 21.00 horas na Praza Maior de Viveiro, e as papeletas iranse entregando ata ese mesmo día.
O CCHV tamén formará parte da campaña ‘Merca e gaña polo Nadal‘ da man da Deputación de Lugo e a Federación de Comercio provincial, onde se porán en xogo 10.000 euros en tarxetas regalo. Pódense consultar as bases nesta ligazón.
ACTIVIDADES
As actividades polo Nadal comezarán ás 19.00 horas do día 5, coa inauguración dunha árbore de luces xigante instalada na Praza Maior, que alcanzará en total uns once metros de altura. Será a bo seguro o escenario de selfies, que o CCHV premiará cun sorteo nas redes sociais; “o que suba a foto máis divertida gañará unha cea para dúas persoas“.
Ademais, colocaranse abetos naturais nas entradas dos comercios. Trala campaña, estas árbores serán replantadas no Monte San Roque. Tamén haberá música, grazas ao fío musical instalado por todo o centro urbano e que este ano amplíase uns metros máis, pola rúa Vilar Ponte.
Este ano, como novidade, o CCHV lanza un concurso de decoración navideña entre os negocios asociados. Hai dúas categorías, unha para comercios e outra para hostalaría. Premiaranse os dous locais que mellor decoración ofrezan, tanto no interior como nas fachadas, e tamén nos abetos naturais repartidos polo CCHV.
En colaboración co Concello de Viveiro, a Casiña de Papá Noel instalarase na Praza Maior desde o 20 ao 24 de decembro, en horario de 17.30 a 20.30 horas. O día 20 os comercios doarán carros de alimentos que se entregarán a Cáritas e Dignidad Viveiro para que os distribúan entre as familias máis necesitadas.
O 23 de decembro o Coro Tempus Fugit ofrecerá o seu espectáculo ‘Nadal na Rúa‘, con panxoliñas no casco histórico, a partir das 18.30 horas.
OS COMERCIOS, ABERTOS O 22 E 29 DE DECEMBRO E O 5-X
Neste mes de decembro os negocios abrirán as súas portas nalgúns días festivos para que os clientes poidan realizar as súas compras navideñas no comercio local sen ter necesidade de desprazarse. As aperturas serán os domingos 22 e 29 de decembro, e o domingo 5 de xaneiro.