A Xunta de Galicia explicou o proxecto de intervención proxectado no CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán, de Xove, aos representantes do equipo directivo e da Asociación de Nais e Pais do centro, reformas que contan cun orzamento de licitación de 725.113 euros. O Goberno autonómico prevé que as obras estean adxudicadas antes do mes de xuño, para poder executalas durante as vacacións de verán.
A xuntanza tivo lugar no consistorio de Xove e nela participaron o delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, e o alcalde, Demetrio Salgueiro, así como técnicos da unidade de obras e a xefa territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en Lugo, Mariña Gueimunde, entre outros.
Igualmente, sinalou que os traballos servirán para mellorar a eficiencia enerxética e tamén a estética e o confort do centro, dado que inclúen o pintado de paramentos, falsos teitos, decoración e acabados en varias instalacións.
As actuacións destinadas a lograr maior aforro enerxético inclúen a instalación de illamento exterior en paredes e cubertas, novas fiestras e persianas que melloran o illamento térmico, e luminarias de alta eficiencia enerxética, entre outras medidas. En conxunto, prevese un aforro enerxético anual do 22,52% en consumo de enerxía primaria e do 23,80% en emisións de dióxido de carbono.
O CEIP DE CERVO SEGUE EN OBRAS
O retraso na licitación e inicio dos traballos de reforma trouxo problemas noutros colexios da Mariña Lucense, especialmente no de Cervo, que continúa en obras en pleno mes de decembro, sen aínda unha data de remate das actuacións.