IniciosociedadeComo falar de sexo coas crianzas, entre os temas das Xornadas para...

Como falar de sexo coas crianzas, entre os temas das Xornadas para a Igualdade de Xove

O programa, que inclúe encontros o 17 de decembro e o 7 de xaneiro, abordará tamén a formación en prevención do machismo para o monitorado de actividades de tempo libre

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Xove organizará ao longo dos meses de decembro e xaneiro unhas Xornadas para a Igualdade, financiadas con fondos destinados ao desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado en mateira de violencia de xénero.

Os días 17 de decembro e 7 de xaneiro haberá charlas que abordarán distintos problemas, como a educación sexual ou a detección e prevención de violencias machistas.

A primeira conferencia, o 17 de decembro (sala de formación do consistorio, 18.30 a 20.30 horas), titularase ‘Como lle falo diso?‘. A psicóloga e sexóloga Martina González Veiga aconsellará ás familias sobre como afrontar a educación sexual das crianzas. Está dirixida a pais, nais e persoas interesadas, e terá un carácter práctico.

AS FAMILIAS PODERÁN RESOLVER AS SÚAS DÚBIDAS

A concelleira de servizos sociais de Xove, Ana Abad, precisa que “o que pretendemos é axudar aos pais e nais a tratar o tema de sexualidade cos seus pequenos. Sabemos que en moitas familias aínda é un tema tabú e queremos que poidan acadar un ambiente de confianza, porque afrontalo dun xeito adecuado é previr relacións de violencia ou de falta de respecto”, explica.

Na actualidade, co cada vez máis temperán acceso dos pícaros a internet, “a pornografía estase a converter nunha escola para preadolescentes, que logo teñen unha visión distorsionada das relacións sexuais e das relacións entre as persoas“, indica Abad, que remarca que quenes participen na xornada “poderán expoñer as súas dúbidas e problemas a unha especialista que ademais fala nunha linguaxe moi cercana e asequible para todo o mundo“.

“CONCELLO PIONEIRO” EN FORMAR AOS SEUS MONITORES

O 7 de xaneiro (de 17.00 a 20.00 horas) terá lugar a xornada ‘Lecer en igualdade‘, para previr e detectar violencias machistas no tempo libre. O relatorio, que impartirá Arabías Sociedade Cooperativa Galega, está dirixida ao monitorado de actividades, pero tamén ás persoas interesadas.

Abad salienta que “é necesario traballar máis para previr as violencias machistas, que cada ano se cobran a vida de moitas mulleres, e detectalas canto antes. Así que queremos que os monitores que están en contacto coas crianzas en actividades de lecer e deportivas, teñan este tipo de formación, que normalmente só se ten se se buscou dun xeito persoal ou individual“, subliña. A concelleira afirma que con este encontro Xove “quere converterse nun concello pioneiro a nivel galego, para que todo o noso monitorado teña a formación suficiente”, conclúe.

PRAZAS LIMITADAS

As prazas son limitadas, sinala Abad, para que ambas as xornadas poidan ter un carácter “interactivo”, tendo un trato o máis personalizado posible cos participantes. As persoas interesadas poden anotarse e solicitar máis información na OMIX (982.571.816).

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...