IniciosociedadeA Mariña cumpre dous anos sen couza da pataca e avaliarase "nos...

A Mariña cumpre dous anos sen couza da pataca e avaliarase “nos próximos días” reabrir o cultivo

Xunta e Principado de Asturias reuniranse co Goberno para tomar unha decisión sobre a prohibición de plantar o tubérculo, que se anunciará "a principios do 2020"

Publicada o

- Advertisement -

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, José Balseiros, reuniuse este martes en Ribadeo coa directora xeral de Desenvolvemento Rural do Principado de Asturias, Begoña López, para reforzar a coordinación entre as dúas comunidades na loita fronte á couza guatemalteca (Tecia Solanivora) da pataca, detectada por primeira vez en 2016 e que levou á prohibición de plantar o tubérculo, desde marzo de 2017, en todos os concellos da Mariña lucense e o Occidente asturiano.

Esta xuntanza de traballo, na que tamén participaron técnicos de ambos departamentos, tivo carácter preparatorio do encontro previsto proximamente entre estas dúas comunidades autónomas e responsables do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que supervisa estes labores no conxunto de España. Esta reunión, aseguran desde a Consellería de Medio Rural, celebrarase “nos vindeiros días” e nela “podería tomarse unha decisión sobre a modificación da prohibición e restriccións a este cultivo, aínda que o Principado de Asturias sinala que o veredicto coñecerase “a principios do próximo ano“.

Segundo expoñen desde o Goberno galego, o encontro serviu para avaliar a situación do organismo de corentena a ambos lados do Eo, “con vistas ao posible levantamento da prohibición de plantar tubérculos en determinadas zonas de Asturias e Galicia, tendo en conta o cumprimento dos requisitos establecidos pola normativa de aplicación, en particular o feito de non rexistrarse a presenza do insecto durante un período de dous anos dende a última captura“.

OS CASOS DE LARACHA E CARBALLO NON ALTERAN A FOLLA DE RUTA DA BISBARRA

Ambos directores destacaron “a coordinación existente” no desenvolvemento destas tarefas e puxeron de manifesto “a importancia da colaboración de todos os interesados cos poderes públicos” para facer fronte á couza. No caso de Galicia, detectáronse casos de tubérculos afectados pola couza en almacéns de autoconsumo en tres parroquias dos municipios coruñeses da Laracha e Carballo, “o que obrigou a reforzar nestas zonas as actuacións de erradicación e control, actualmente en marcha”.

Desde a Consellería do Medio Rural precisan que a presenza da couza nestes dous municipios non altera a folla de ruta doutros concellos, como os da Mariña Lucense e Ferrolterra.

Renunión en Ribadeo de representantes do Principado e da Xunta. AXM

As medidas de control e erradicación da praga consistiron na prohibición de plantar patacas nos concellos declarados zonas infectadas, onde a rede de trampeo localizou focos deste patóxeno, e o establecemento dos municipios limítrofes con estes como zonas tampón, onde si está permitido sementar pataca pero os agricultores teñen que notificar as súas plantacións para facer un seguimiento fitosanitario do cultivo co fin de frear a expansión da couza guatemalteca.

31 CONCELLOS AFECTADOS ENTRE A MARIÑA E ASTURIAS

Abadín, AlfozA Pontenova, A Pastoriza, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Viveiro e Xove son os concellos lucenses afectados pola couza guatemalteca.

Xermade, Muras, Vilalba, Cospeito, Castro de Rei, Pol, Meira, Ribeira de Piquín e A Fonsagrada son os concellos considerados dentro da “área tampón” na provincia de Lugo.

En Asturias hai trece municipios afectados: Castropol, Coaña, Cudillero, O Franco, Xixón, Muros do Nalón, Navia, Pravia, San Tirso de Abres, Tapia de Casariego, Taramundi, Valdés e Vegadeo. Os declarados zonas tampón son: Avilés, Boal, Candamo, Carreño, Castrillón, Corvera, Gozón, Illano, Illas, Llanera, Villayón, Noreña, Salas, San Martín de Oscos, Santa Eulalia de Oscos, Siero, Soto do Barco, Tineo, Villanueva de Oscos e Villaviciosa.

Á ESPERA DE PODER PLANTAR AS PATACAS “DE CEDO”

De cando se tome a decisión dependerá se A Mariña Lucense e o Occidente Astur poderán plantar as patacas “de cedo“, que se cultivan nos últimos días de decembro e primeiros de xaneiro. De non haber esa posibilidade, a outra opción -a máis agardada- será arredor do mes de marzo, cando se sementan os tubérculos que duran todo o ano.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...