A Xunta iniciará “no 2020” a construción do segundo martelo do porto de Burela

As obras contan cun orzamento de máis dun millón de euros e contemplan a ampliación do peirao sur en oito metros e a construción dun espigón de 50 metros de lonxitude

Visita de Susana Lenguas ao porto burelao. AXM

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, anunciou na mañá deste mércores que o ente público dependente da Consellería do Mar iniciará “o vindeiro ano 2020” as obras de construción do segundo martelo do porto de Burela, demandada polo sector para garantir un maior abrigo para a frota e operatividade para as embarcacións que fan uso destas instalacións.

Lenguas visitou o peirao burelao acompañada polo patrón maior de Burela, Basilio Otero, e representantes de Armadores de Burela (Absa) e da Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo, ademais de polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro.

O SEU COMEZO, COMPROMETIDO “PARA O PASADO VERÁN”

As obras contan cun orzamento de máis dun millón de euros e contemplan a ampliación do porto sur (xunto á lonxa de Absa) en oito metros e a construción dun espigón de 50 metros de lonxitude. Segundo expuxo Lenguas, “a súa misión fundamental é a de reducir a axitación do interior das dársenas, ademais de conseguir maior capacidade de atraque e servir de amortiguación á ondada que exerce o dique de abrigo”.

A nova data de inicio dos traballos que ofrece Portos de Galicia amosa un retraso de varios meses no plan anunciado cando se licitaron as actuacións, no pasado mes de marzo, dado que a Xunta prevía entón iniciar as actuacións o pasado verán.

NAVE DE REDES

Lenguas anunciou tamén que o ente público tamén ten previsto investir o vindeiro ano 237.826 euros en obras de mellora, remodelación e acondicionamento da nave de redes.

Neste senso, a titular de Portos salientou que ambas actuacións son “obras necesarias que viñan sendo solicitadas polos profesionais do mar deste peirao”, ao tempo que amosou a súa vontade de “estudar a viabilidade doutras propostas do sector de cara a mellorar as condicións destas instalacións”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here