IniciosociedadeMaseda pide á oposición do Valadouro "desbloquear" o convenio con Alfoz para...

Maseda pide á oposición do Valadouro “desbloquear” o convenio con Alfoz para a recollida de lixo

O alcalde sinala que non renovar o convenio suporía perder a posibilidade de optar co municipio alfocego a subvencións recibidas en 2018 e 2019 por uns 70.000 euros anuais

Publicada o

- Advertisement -

O goberno do Valadouro insta á oposición a “reconsiderar a súa postura” respecto do convenio de xestión compartida co Concello de Alfoz do servizo de recollida de lixo e punto limpo, dado que de non saír adiante suporía “un grave dano económico a toda a veciñanza” ao “perder unha subvención do Fondo de Compensación Ambiental 2019“, dentro da liña de concorrencia competitiva.

Despois dunha primeira tentativa do executivo socialista de aprobar o convenio tombada por PP, BNG e Udival no pleno, o Concello valadourense, que continúa a gobernar en minoría tras romperse o bipartito que formaron PSdeG-PSOE e o partido nacionalista, sentou de novo coa oposición para convencer ás outras tres forzas políticas da corporación de que respalden o acordo, nunha xuntanza na que o voceiro do Partido Popular, José Manuel Lamela, se levantou da mesa para instar ao alcalde, Edmundo Maseda, a explicar con detalle a contía que o municipio deixa de ingresar.

O BNG, pola súa banda, reclamou que sexa o Concello do Valadouro o que asuma a recollida de lixo polo seu “mal funcionamento. O servizo é deficiente e emperou progresivamente no momento no que se conveniou co Concello de Alfoz e se privatizou“, argumentaron os nacionalistas, que lembran que “xa fixeramos as correspondentes advertencias (da súa negativa a prorrogar o acordo) na comisión de seguimento do convenio”, ademais de incluír a municipalización “no noso programa electoral”.

CRÍTICAS DE PP E BNG

Ante as “diferentes interpretacións e desvinzas”, Maseda aclara que, segundo consta nos datos do Expediente 45/2019 do Fondo de compensación da liña competitiva, a consulta pública no consistorio o proxecto denominado ‘Xestión compartida polos Concellos de Alfoz e O Valadouro do servizo de recollida domiciliaria de lixo e Punto Limpo do Concello de O Valadouro‘ conta cun orzamento total de 119.996,17 euros.

Maseda indica que no mesmo documento figura o importe total da subvención solicitada, 95.972 euros; o orzamento de gastos de funcionamento, 58.196,22 euros; o custo de obra e equipamento, 61.769,95 euros; e o importe solicitado para este último fin, 49.415,96 euros.

O rexedor expón que as subvencións líquidas concedidas alcanzaron no ano 2018 os 72.337,08 euros, e no 2019, os 69.248,58 euros. O contrato asinado coa empresa adxudicataria con data de 5 de xaneiro de 2018 ascendía  a un total de 141.081,70 euros, “aos que hai que sumar 14.108,17 euros de IVE. Segundo se constata en dito expediente”, indica Maseda, “as subvencións xeradas polo convenio para os dous Concellos ascenden a un total de 141.585,66 euros a data de hoxe”.

Segundo continúa o alcalde, “a orde da Xunta foi publicada no DOG 248 do 31 de decembro de 2018, na páxina 54503. No artigo 15 deste documento regúlanse os importes máximos das solicitudes, que son os seguintes: individual, 40.000 euros, e conxunta, 120.000 euros, cos límites do 50% para gastos de funcionamento e importe subvencionable do 80%”, expón.

Deste xeito, Maseda explica que “unha solicitude individual do Concello de Valadouro tería un importe para gastos de funcionamento do servizo de lixo de “16.000 euros, xa que na convocatoria sinálase que, ao ser competitiva, sempre teñen maior puntuación as solicitudes conxuntas, por iso é case imposible acadar puntuación suficiente para lograr a axuda económica”.

RECLAMA “CONSENSO” NUN SERVIZO “BÁSICO”

Maseda empraza a PP, BNG e Udival a que “non bloqueen a sinatura dun convenio destinado a un servizo básico“, e ponse “a disposición das tres forzas políticas para acadar un consenso sobre un asunto de vital importancia”. Maseda tenta deste xeito lograr unha postura común antes da seguinte reunión da comisión de seguimento con Alfoz sobre este servizo.

O rexedor resalta ademais que non aprobar o convenio “non só podería supoñer perder cartos, senón que tamén podería implicar a subrogación do persoal que está a traballar agora mesmo a empresa”. O alcalde valadourense remarca que “por un lado está o convenio con Alfoz e por outro a firma adxudicataria; podemos discutir se a recollida do lixo é mellorable, pero non hai por que cargarse o pacto porque mancomunar o servizo non significa pechar a posibilidade de municipalizalo ben totalmente ben por fraccións“, indica.

ORZAMENTOS

A aprobación ou non deste convenio, argumenta Maseda, aparcou de momento a presentación dos orzamentos para 2020, que o Concello comprometeu para o pasado mes de novembro. Segundo indica o alcalde, as contas están “practicamente listas”, a excepción do apartado de gastos para a recollida de lixo, porque o contrato deste servizo remata o 31 de decembro e de non saír adiante o pacto con Alfoz esta sección podería estar suxeita a modificacións.

Maseda asegura que para o vindeiro exercicio “os orzamentos serán máis sinxelos e xenéricos“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...