Trala petición do alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, á oposición para que “desbloquee” a aprobación do convenio de recollida de lixo mancomunado co Concello de Alfoz, segundo o rexedor para non perder a posibilidade de concorrer á achega máxima das subvencións do Fondo de Compensación Ambiental, Partido Popular e BNG cargaron este venres contra o goberno local. Populares e nacionalistas -tamén a formación independente Udival– tombaron no pleno a proposta da alcaldía, que segue a ofrecer “consenso” para sacar adiante un pacto que considera “básico”.
O presidente e voceiro do PP do Valadouro, José Manuel Lamela, coincide cos nacionalistas ao apostar pola xestión directa da recollida de lixo e “por recuperar un servizo privatizado polo actual alcalde”. Lamela di que “a municipalización non sería obstáculo para seguir prestando este servizo xunto con Alfoz a través do correspondente convenio”.
Lamela lembra que “o Concello do Valadouro dispón dun camión –adquirido cando gobernaba o Partido Popular- e conta con persoal municipal capaz de asumir estas funcións”. Malia que tampouco vería mal a posibilidade de “crear novos empregos no concello se fora preciso reforzar o cadro de persoal municipal”.
O popular defende os aspectos positivos da xestión directa municipal porque “non suporía un incremento de custe -ao revés, afórrase o beneficio empresarial- e, ademais, permitiría un maior control e, polo tanto, unha mellora na recollida do lixo, un servizo que na actualidade acumula múltiples queixas veciñais”.
O portavoz popular pregunta “que intereses ten o alcalde por manter o servizo de recollida en mans dunha empresa privada” porque “o único que non está a defender, iso está claro, son os intereses dos veciños”.
LAMELA ASEGURA QUE “NON HAI RISCO” DE PERDER AXUDAS
Finalmente, Lamela sinala que “o alcalde mentiu cando dixo que non prorrogar o convenio de recollida de lixo con Alfoz suporía perder a subvención da Xunta e polo tanto pedimos que rectifique ante os veciños e deixe de xerar alarmas inxustificadas”.
Lamela asegura que, con cargo á subvención da Xunta para este ano, o Concello xa xustificou os gastos xerados polo servizo de recollida de lixo e que, en relación ao ano próximo, está a tempo de modificar o sistema de xestión; xa que as axudas do Fondo de Compensación Ambiental aínda non foron convocadas. “Que nos cite cando queira e estamos dispostos a falalo”, engade.
O presidente e portavoz dos populares explica que “o Fondo de Compensación Ambiental asume parte dos custes de funcionamento deste plan, sen ningún tipo de recorte e tal e como viña facendo ata o de agora. Pódese manter o convenio con Alfoz, pero en vez de prestar o servizo unha empresa privada, faríano os Concellos con medios propios”.
BNG: “OS MEDIOS SON INSUFICIENTES”
Pola súa banda, o BNG acusou a Maseda de difundir “falsidades” e “terxiversacións“. Os nacionalistas argumentan que a recollida de lixo “empeorou notablemente no noso concello e faise precisa unha remodelación deste servizo, retornando á xestión municipal como garante de óptima xerencia”.
A formación frontista móstrase crítica cos medios -dous operarios e un camión- que resultan “insuficientes para a correcta recollida de residuos nos dous concellos do val, Alfoz e O Valadouro”. Tamén censuran a colecta selectiva, servizo que “no municipio alfocego se efectúa de forma correcta, mentres que nas parroquias rurais do Valadouro carecemos del“.
Así, sinalan que en principio móstranse a favor de “iniciativas comúns beneficiosas para os dous concellos, pero en ningún caso de propostas que vaian en prexuízo dalgún dos municipios“.
No tocante á subvención mencionada polo rexedor, os nacionalistas remarcan que “a subvención correspondente a 2019 xa está cobrada por parte do concello, e respecto da subvención do próximo ano, debemos matizar que aínda se descoñecen os seus pormenores, polo tanto, as súas condicións poden ser diferentes das actuais”. Respecto da axuda do canon eólico, argumentan que “xa existía antes do convenio con Alfoz, non é unha novidade como se pretende facer ver”.
O BNG pregúntase “o motivo polo que o alcalde defende tanto este concreto convenio con Alfoz, e en cambio, votou a favor de disolver a Mancomunidade Río Ouro, un ente administrativo que pugnaba por mancomunar servizos e unir esforzos entre O Valadouro e Alfoz”, e acusa a Maseda de “facer política partidista usando un bando municipal“.