A corporación de Viveiro solicita por unanimidade a Augas de Galicia que “volva analizar tecnicamente a viabilidade de manter a ponte medieval” na solución proposta para evitar risco de inundacións no barrio de Xunqueira, onde en novembro de 2018 o rebordamento do río Fontecova anegou ducias de vivendas e provocou a morte dunha veciña.
Así, as cinco forzas políticas do municipio –PSdeG-PSOE, PP, Por Viveiro, BNG e Son Viveiro– piden que, trala entrega do plan específico de xestión da Área Fluvial con Risco Potencial Significativo de Inundación (ARSPSI) do Fontecova, o ente hidráulico “elabore, valore e puntúe unha nova alternativa coas actuacións contempladas na opción A, a excepción do mantemento da ponte medieval”.
Esta alternativa foi a máis valorada como resultado dunha análise multicriterio en función dos cinco aspectos considerados (coste beneficio, ambiental, social, nivel de protección e temporal).
Deste xeito, a corporación insta a Augas a reconsiderar o proxecto “aos efectos de poder contar con todos os datos para poder amosar dende o Concello a conformidade a unha ou outra opción“. O goberno local será o encargado de tomar a decisión definitiva sobre a obra a realizar no barrio.
Os cinco partidos reclaman tamén “que se solicite informe previo á Dirección Xeral de Patrimonio sobre a proposta de eliminación da ponte medieval e construción dunha nova pasarela, segundo se plantexa na Alternativa A”; a proposición de Augas é a de elaborar unha nova ponte de cemento, o que atopou o rexeitamento, como lembra o Concello, da asociación veciñal de Xunqueira.
LIMPEZA DO TREITO ALTO
A corporación insta á Xunta de Galicia a que “valore” a catalogación do río Fontecova, aos efectos de poder esixir a corta nunha distancia de 15 metros, tendo en conta o seu caudal, pendente e calado, así como a importante masa arbórea existente na súa colindancia”.
Precisamente, días atrás o BNG pediu que se limpe o treito alto do río. “Tendo en conta que estamos na fase dun anteproxecto, e que a redacción e posterior aprobación se alongará no tempo, urximos a Augas de Galicia a que realice unha limpeza exhaustiva da canle do río na que actualmente hai eucaliptos atravesados que fan de presa natural agravando a situación de darse intensas chuvias”, expuxo a formación nacionalista.
FINANCIAMENTO
Finalmente, reclama que se realice “unha valoración económica da totalidade das actuacións que cómpre executar, aos efectos de elaborar un proxecto completo de todas as obras incluíndo o custe íntegro no presuposto base de licitación, para poder establecer o financiamento a asumir por cada unha das administracións”.