Iniciosociedade"'Viveiro ante o berce' mimetízase coa contorna e xoga cos sentidos, causa...

“‘Viveiro ante o berce’ mimetízase coa contorna e xoga cos sentidos, causa sensacións e conta unha historia”

O Belén a tamaño natural, instalado no atrio da Igrexa de Santa María, conta con figuras humanas e animais e poderá verse ata o 13 de xaneiro

Publicada o

- Advertisement -

“Hai nenos que, dito por seus pais, van velo todos os días que está exposto”. Así fala a concelleira de cultura, Lara Fernández-Noriega, de ‘Viveiro ante o Berce‘, o Nacemento a tamaño natural de Amigos do Casco Histórico, composto por 50 figuras humanas de cartón pedra e 40 animais, e situado no atrio da Igrexa de Santa María, que se converteu nunha cita máis do Nadal viveirense. Pero non só para os autóctonos; o Concello resalta que é “único en España” e “un dinamizador económico e turístico” para o municipio.

Que significa Viveiro ante o Berce para o municipio? É terra de Beléns?

Segundo nos comentan os veciños, o Belén é realmente unha tradición en Viveiro. Antes de que se consolidase este Nacemento, que se recuperou hai cinco anos, houbo un vivente na Praza Maior, no que a veciñanza do municipio representaba papeis, recreábase mesmo un río e tamén había animais de verdade. Duraba un par de días como moito, o da montaxe e a representación. Despois fíxose durante uns anos un Belén nos Xardíns de Noriega Varela.

“viveiro é terra de nacementos. está o das concepcionistas, o de bágoas da terra, o da capela de san roque… pensouse en facer unha ruta”

En Viveiro tamén está o Belén das concepcionistas, que é marabilloso, nunha capela preciosa; está o de Bágoas da Terra, con escenas tradicionais, co traxe galego; está o da Capela de San Roque, e podería seguir. Pensamos incluso en facer unha ruta de Nacementos.

Na miña casa tamén o recordo, antes ca árbore. Así que Viveiro ante o Berce vén a seguir unha tradición. Comezou sendo algo menos espectacular do que é hoxe, pero medrou moitísimo e Amigos do Casco Histórico, a asociación que o monta, cada vez nos descobre cousas novas.

“AS ESCENAS VARÍAN TODOS OS ANOS E AMIGOS DO CASCO HISTÓRICO SEMPRE NOS DESCOBRE COUSAS NOVAS”

Fai fincapé en que as escenas non son sempre as mesmas.

Así é. Cada ano sorprenden con novas escenas, cada ano cambian e non hai unha ubicación exacta. Danlle unha volta a todo e para que sempre sexa novo. As únicas escenas que se manteñen son as de Xesús, María e Xosé, o neno, e a dos Reis Magos, que non se move de lugar polo tamaño do elefante. O resto todo vai variando. Iso é o bonito.

E que escenas se poden ver nesta edición?

Este ano hai un galiñeiro moito máis grande, con animais: galiñas, coellos, quicas… É moi atractivo porque os nenos poden ver como poñen os ovos. Outra zona viría a ser a das redeiras, que tamén se montou por primeira vez: cada ano hai máis imaxes de oficios tradicionais galegos. Iso dálle un contido didáctico. Está a salgadura, cos bacallaos a secar, hai outro posto de mariscos. Este ano fíxose por primeira vez unha lareira, que representa unha cociña tradicional dunha casa galega, hai unha zona de vendima e unha fonte que bota viño. Hai outra área na que se tinta a roupa, e tamén está a taberna.

“ten tamén unha función didáctica: móstranse oficios tradicionais como as redeiras, a salgadura, a ferrería…”

Asegura que é un espectáculo máis que visual.

Xógase moito coa contorna e cos sentidos. Na Casa de Calvo Sotelo está a escena da Biblia na que o garda, por orde de Herodes, rouba os nenos. Hai tamén unha corte, cun cabalo e cun camelo. Estrutúranse as escenas para que se mimeticen coa contorna. Á entrada do convento das concepcionistas hai outra imaxe, posta de xeito que hai que entrar para vela. Noutra casa derruída que hai en Santa María, dentro hai unha ferrería. Tes que baixar unha escada para poder vela. Hai cheiro a serrín, a viño, a bacallao… Non só é unha cousa que se pode ver coa vista senón tamén cos sentidos.

“o nacemento cheira a serrín, a viño, a bacallao… é algo que se pode desfrutar cos sentidos”

E a contorna conta moito.

A contorna de Santa María é de por si un lugar marabilloso, e ubicado aí, o Belén gaña moitísimo valor. Non sería o mesmo que se instalase nos Xardíns de Noriega Varela. Disfrazar a pedra antiga, o arco de Santa María, a escuridade, porque está pensado para lembrar unha idea de Belén da época… Está moi conseguido en canto a causarche sensacións, e mesmo en canto a contarche unha historia.

Viveiro ante o berce congrega cada ano a xente de fóra da Mariña. De onde tiveron visitas?

Na oficina de turismo empezan a preguntar nada máis comeza setembro: Zamora, Zaragoza, moitísima xente de Asturias e do sur de Galicia… Hai excursións de decenas de persoas que veñen expresamente a velo.

“desde setembro comezan a preguntar. vén xente de zamora, de zaragoza, de asturias…”

Ten un impacto turístico moi importante, e máis desde que a concellería de turismo dispuxo visitas guiadas, que gustan moito. Hai nenos de Viveiro, dito polos seus pais, que teñen que ir a velo todos os días. Asóciano co Nadal, veno como unha cita dentro destas festas.

O Belén non é o único atractivo de Viveiro polo Nadal. Que destacaría da programación cultural?

A programación está sempre máis ben enfocada para o público infantil, dado que os nenos non teñen colexio, para que poidan asistir a eventos. Pero precisamente por iso tamén tentamos coidar ás familias, que os pais e nais non se aburran, elixir cousas que poidan gustar a todas as idades. O día da Maxia, nos Santos Inocentes, é un exemplo.

Programación cultural de Viveiro. AXM

Unha das novidades deste ano é ArteNadal, para que as familias poidan conciliar. Son unha serie de talleres infantís con diferentes quendas e inscrición necesaria. Son polas mañás para que as familias poidan estar máis tranquilos. Se isto vai ben, pensamos facer unha especie de campamento de Nadal, veremos como responde no tocante á demanda.

Teremos un espectáculo de burbullas, con pompas de xabón, moi espectacular. Le Cirque mestura o humor coa maxia; Nube Nube Sol é teatro dedicado para bebés.

Un clásico do Nadal de Viveiro é A Trastenda de Nicomedes, o Mercado de Nadal. A idea é reforzar un ambiente navideño na rúa e entreter, porque é un momento no que chove moito e hai que ofrecer alternativas, e ademais é un xeito de apoiar ao comercio local.

Viveiro ante o berce poderá verse ata o 13 de xaneiro. Esta fin de semana permanecerá pechado debido á incidencia da borrasca Fabien.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...