A extensión do porto acollerá do 15 ao 19 de agosto unha nova edición de Foz Market, un evento de entrada gratuíta que incluirá festival de food trucks, salón do automóbil, actividades para nenos e actuacións musicais. Organiza a cita EsMarket, co apoio do Centro Comercial Aberto (CCA) de Foz e do Concello.
ENTRE 12 E 14 FOOD TRUCKS
Foz Market ofrecerá unha ampla oferta gastronómica, con entre 12 e 14 food trucks. “Haberá comida mexicana, peruana, asturiana, galega, xaponesa e propostas gourmet, con preparacións que só poderás probar aquí”, precisou Ángel Rojo, respresentante da empresa organizadora.
No tocante aos pequenos, Rojo indicou que “contaremos cunha cómoda zona infantil na que se desenvolverán diferentes actividades infantís e espectáculos, sempre polas tardes”. A empresa IG10 encargarase da oferta de ocio para os pequenos. O dirixente tamén salientou que “a partir das 22.00 horas haberá concertos”.
O STAND DO CONCELLO E DO CCA PROMOCIONARÁ O ENTROIDO FOCEGO
O salón do automóbil é outro dos reclamos do evento. Participarán varias marcas de vehículos. “O Grupo Breogán virá con coches eléctricos, híbridos e tamén turismos quilómetro cero”, explicou o presidente do colectivo de comerciantes focego, José Carlos Paleo. O CCA e o Concello de Foz contarán cun stand, no que se promocionará o Entroido do municipio.
Paleo, Rojo, Ibán García, de IG10 e o alcalde de Foz, o popular Javier Castiñeira, asistiron á presentación do evento.