A Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia estudará a creación dunha rotonda no cruzamento da Corredoira, que une a Nacional-642 coa estrada Foz–Ferreira do Valadouro. Así o anunciou o alcalde de Foz, Fran Cajoto, despois da reunión que mantivo coa Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, na que estivo tamén presente o concelleiro de Comunicación e Relacións Institucionais, Carlos García.
“Foi unha reunión na que se trataron distintos proxectos de importancia para os veciños, como a marcha das obras que se están a acometer en catro pontes sobre a N-642, para reparar os danos que teñen e evitar no futuro problemas derivados do reducido gálibo actual”, explica o rexedor.
Cajoto asegura que “entre outras cousas, a Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia comprometeuse a avaliar a demanda de crear unha rotonda para regular o tráfico no cruzamento da Corredoira. Para elo vaise realizar o estudio de execución dunha glorieta no cruce que une a Estrada da Costa (N-642) co viario Foz-Ferreira (LU-152)”, indicou.
O goberno local sostén que fixo esta proposta “por considerar que se trata dun punto moi conflitivo, especialmente en época de verán, cando pola Estrada da Costa chegan a circular máis de 15.000 vehículos diarios. Sábeno ben todos os usuarios da estrada de Ferreira, que moitas veces buscan camiños veciñais para sortear o atasco que se forma no sinal de Stop da intersección. Unha estrada como a N-642, con este nivel de tráfico, non se pode conectar cun enlace simple como na actualidade: hai que actuar na zona”, engadiu o alcalde focego.
A XUNTA “REXEITOU” A PROPOSTA
Cajoto lembra que “a mesma proposta tamén fora plantexada no seu día á Xunta de Galicia, que é a titular da LU-152, pero desbotou esa posibilidade, argumentando que non había suficiente intensidade de vehículos que xustificaran a execución da rotonda”.