Vegadeo acollerá un curso de técnicas de bioconstrución impartido por Guido Tomasini

Considerado un dos maiores expertos do Estado, amosará do 13 de xaneiro ao 7 de febreiro como construír en terra crúa, palla ou madeira

Tomasini, segundo de pé pola esquerda nunha actividade na Escola de Bioconstrución A Casiña. AXM

Un curso de Técnicas de Bioconstrución, de 100 horas de duración e que se impartirá no recinto feiral de Vegadeo entre o 13 de xaneiro e o 7 de febreiro, abrirá o Programa Emplea Verde, iniciativa da Fundación Biodiversidade (pertencente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica) cofinanciado polo Fondo Social Europeo e no que colabora a Asociación Intereo, que agrupa aos 14 municipios da Reserva da Biosfera Oscos-Eo-Terras de Burón.

GRATUÍTO PARA PERSOAS DESEMPREGADAS

O obradoiro é gratuíto e poderán solicitalo persoas desempregadas con domicilio na comunidade autónoma de Asturias.

Este primeiro curso será impartido por Guido Tomasini, residente na Pontenova e un dos maiores expertos en biconstrucción do Estado. O obxectivo do mesmo é proporcionar coñecementos asociados a unha nova forma de construír máis respectuosa co medio ambiente, máis saudable para os seus habitantes e que recoñeza e poña en valor o traballo manual e as tradicións construtivas da Reserva da Biosfera Oscos-Eo-Terras de Burón.

Mediante sesións prácticas ensinaranse diferentes técnicas de bioconstrucción -terra crúa, pedra, madeira, palla, cal-, considerando a súa integración no lugar e o uso de materiais autóctonos. Para iso está prevista unha pequena obra construtiva no municipio de Vegadeo.

CINCO OBRADOIROS EN TOTAL

A presentación do programa será o luns 23, ás 11.00 horas, no Recinto Feiral de Vegadeo.
Tralo obradoiro de Técnicas de Bioconstrución, o programa complétase na zona da Reserva da Biosfera con outros catro cursos, todos eles gratuítos e destinados a persoas desempregadas de Asturias e Galicia. Son os seguintes: Sistemas de climatización aplicados á bioconstrucción (50/100 horas. Presencial e online); Construción adaptada á Economía Circular (online, 50 horas);Enerxías Renovables aplicadas ao sector da construción (100 horas, online) e Deseño e xestión de proxectos de economía corcular (50 horas, online).

CERTIFICACIÓN INNOVADORA

O obxectivo último do programa formativo é mellorar a empregabilidade do alumnado mediante unha certificación innovadora no ámbito dos empregos verdes. Con este obxectivo, o programa tratará de crear conciencia social entre Administracións públicas e empresas acerca da necesidade de adaptar o sector a unha nova maneira, máis respectuosa co medioambiente, de entender o deseño e construción de vivendas.

A empresa consultora Gest-eco/I2 C, responsable do proxecto, sostén que “non existen moitos exemplos de construción circular en Europa e, en España, non temos unha industria da construción afeita a abordar os enfoques económicos e ambientais. Estamos ante un desafío ilusionante cuxo primeiro paso é, sen dúbida, a promoción e a capacitación”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here