A Policía Nacional continúa a búsqueda de Alejandro Meitín San Isidro, que falta en Viveiro desde a noite do sábado 14 de decembro, cando saíu a cenar cos compañeiros de traballo.
Fontes policiais piden axuda a todas aquelas persoas que viron a Alejandro na xornada da súa desaparición, especialmente nas últimas horas nas que foi visto, para que colaboren a fin de verificar e secuenciar os feitos. Algunhas testemuñas situaron ao desaparecido nun bar da localidade viveirense ás 8.30 horas do domingo.
As mesmas fontes admiten que, logo de dez días sen rastro, a investigación pode dilatarse no tempo e mesmo cambiar a que polo de agora segue a ser a hipótese principal, a dunha desaparición voluntaria -dado que tamén falta o coche de Alejandro, un Ford Fiesta de cor azul ceo, semellante ao gris. De 34 anos, o desaparecido mide 1,83 metros, é de constitución grosa e leva pendentes.
“Xa pasou un tempo máis que prudencial para que dera sinais de vida e se comunicase coa súa familia ou coa súa parella. Imos insistir e se hai algún indicio que nos fale doutras posibilidades, como o accidente ou mesmo un ílicito, reenfocaremos a investigación. Está claro que a medida que pasa o tempo contemplamos máis estas alternativas, pero precisamos tamén de máis información para iso. Temos que atopar unha explicación a esa falta de novas“, indican desde a Policía Nacional.
O BURELAO DESAPARECIDO, ACHADO EN MÉRIDA
Si apareceu Jesús Ramón García Balseiro, de Burela, ingresado nun hospital de Mérida tras padecer un accidente de tráfico.
PIDEN PRECAUCIÓN CONTRA AS ESTAFAS
Desde a Policía Nacional advirten tamén de posibles estafas cando poñen obxectos á venta en plataformas de internet, pois recibiron unha denuncia dunha persoa que enviou o material antes de recibir o pago e segue sen cobrar despois de un mes. Algúns estafadores dan supostos datos de contas ou documentos de identidade que á postre resultan ser falsos. “É unha época na que hai moito troco, para mercar cousas en Nadal, e están a enviarse produtos sen asegurarse o cobro”, sinalan.