O presidente da Deputación, José Tomé, entregou este xoves en Burela os diplomas de catro cursos de capacitación para formar a 16 persoas desempregadas na profesión de redeiras. Nestas accións formativas, onde a institución provincial investiu preto de 40.000 euros, os participantes aprenderon as diferentes formas de traballar as redes segundo o arte de pesca empregado.
Tomé valorou esta formación porque “o colectivo artesanal de redeiras na zona da Mariña vive un momento crucial loitando pola subsistencia do sector, pois non existe relevo xeracional e a pesca segue a ser un dos motores máis importantes da nosa provincia”. O Presidente fixo fincapé en que nesta comarca lucense xera entre 5.000 e 6.000 empregos e que demanda persoal case de forma continua para as Confrarías de Pescadores de Burela, Celeiro, Foz, Ribadeo, San Cibrao e O Vicedo.
O alumnado beneficiouse de catro accións formativas de Confección e Mantemento en: artes de enmalle (115 horas), aparellos de pesca (30 horas), artes de arrastre (130 horas) e artes de cerco (55 horas). Unhas accións que habilitan aos participantes para presentarse ao exame de cara a optar á cualificación profesional que os acreditará como redeira, esencial para poder exercer esta ocupación.
A estes cursos engadíronse tres xornadas divulgativas que se celebraron en Burela, Viveiro e Ribadeo, estruturadas en catro módulos temáticos e oito bloques cos seguintes temas: Prevención de riscos laborais; A Relación do sector coa administración; O Asociacionismo no sector; Réxime Xurídico, organizativo e electoral das confrarías de pescadores; Factores Ambientais: impacto sobre a explotación marisqueira; Marisqueo e pesca artesanal: sustentabilidade, trazabilidade e responsabilidade; Explotación de novos recursos; e un debate sobre a problemática no sector.