A voceira do PSdeG-PSOE de Mondoñedo, Esperanza González, denunciou que o goberno local renunciou “a tres subvencións” que ascenden a un total de 29.179 euros. Así o expuxo tras revisar a acta da Xunta de Goberno celebrada o pasado 7 de outubro, e que foi enviada ao grupo socialista “o pasado venres 13 de decembro, dous meses despois da súa celebración”. Cualifica este feito como unha auténtica “desleixo de funcións por parte do executivo municipal”.
Segundo se constata na acta, indica o PSdeG-PSOE mindoniense, “o Concello solicitou unha subvención o pasado 14 de febreiro 2019, no apartado Proxectos novos de dinamización do Xacobeo 2021: Programa o teu Xacobeo, concretamente para a actuación denominada ‘Potencia o Camiño Norte en Mondoñedo‘, que contaba cun orzamento total de 20.000 euros con IVE”.
A voceira socialista expón que na acta sinálase que “debido a motivos organizativos esta entidade non é capaz de levar a cabo esta actividade, polo que renuncia de forma expresa á unha subvención concedida que ascendeu a 12.000 euros“.
Segundo González, neste mesmo documento hai unha segunda renuncia a outra subvención para este mesmo programa de dinamización do Xacobeo 2021, para unha iniciativa que leva por título ‘Bordón e pluma‘. “Segundo consta o montante total deste proxecto é de 19.965 euros con IVE, e neste caso tamén se renuncia ao investimento que concedeu a Axencia de Turismo de Galicia para este proxecto que ascendeu a 11.979 euros“, explica.
Por último, aseguran os socialistas mindonienses, o executivo de Mondoñedo “tamén renunciou a unha terceira subvención da Conselleira de Cultura para a colaboración no financiamento para a contratación dun arquiveiro que ascendía a 5.200 euros“.
“INOPERANCIA”
“Tal e como se pode constatar, o goberno de Elena Candia é incapaz de xestionar os recursos do Concello, xa que a renuncia de tres subvencións é o síntoma máis evidente de que non é capaz de realizar os proxectos que o mesmo Concello propón”, argumentou González.
“Tres proxectos quedaron sen executar en Mondoñedo por mor da inoperancia do executivo do PP, e que supoñían un investimento de máis de 29.000 euros”, resumiu a voceira socialista.
REHABILITACIÓN DA ESCOLA DE SANTA MARÍA MAIOR
O BNG de Mondoñedo apunta que ademais das tres subvencións indicadas polo PSOE o goberno municipal de Elena Candia tamén renunciou a unha cuarta subvención que tiña concedida do Instituto Galego de Vivenda e Solo por un importe total de 23.243,41 euros para a rehabilitación da antiga escola de Santa María Maior.
Segundo a resolución do IGVS o Concello de Mondoñedo renuncia á concesión da subvención recoñecida “como consecuencia da imposibilidade de executar as obras na presente anualidade”.
Para o BNG o feito de non aproveitar estas subvencións que chegan doutras administracións “é un claro exemplo de desleixo e mala xestión” do goberno popular e o portavoz dos nacionalistas no concello, Eloi Cabanas, anuncia que “pedirá explicacións no vindeiro pleno municipal pola perda de máis de 50.000 euros en axudas para o Concello Mondoñedo”.