Despois das críticas de Xunta de Galicia, PP e sindicatos pola supresión da venta presencial de billetes en oito estacións galegas, entre elas as de Burela e Viveiro, Renfe asegurou a través dun comunicado que “garante” a venda de billetes en todas as estacións nas que Adif viña desenvolvendo a actividade ata a data. A compra realizarase a través de máquinas expendedoras.
A operadora ferroviaria xustifica argumenta que Adif “deixa de prestar” este servizo “como consecuencia do proceso de liberalización do transporte de viaxeiros por ferrocarril”.
Renfe sostén que asumirá a venda presencial de billetes “naquelas estacións que dispoñan dunha media diaria superior a 100 viaxeiros subidos e un volume determinado de vendas en taquilla”, de xeito que publicará “proximamente” unha licitación para a adxudicación deste servizo. Xustifica así a operadora ferroviaria un recorte criticado e que se comezou xa a aplicar neste inicio de 2020.
Segundo a operadora ferroviaria, todas as estacións contarán con máquinas autoventa, “de forma que se instalarán onde aínda non as haxa”. Ademais destas canles, Renfe poñerá a disposición dos viaxeiros un número de atención telefónica nas estacións para resolver todas as consultas e situacións que poidan suscitarse, que estará indicado na propia estación.
INSTA A MERCAR POR INTERNET OU NAS OFICINAS DE CORREOS
Os viaxeiros contarán tamén coa posibilidade de utilizar as canles propias de venta de billetes da compañía: renfe.com, a app Renfe Ticket, compra telefónica e a compra a través dos interventores a bordo dos trens, “co obxectivo de facilitar ao máximo a accesibilidade dos viaxeiros”, sostén.
Finalmente, os viaxeiros poden facer a súa compra en oficinas de Correos. Recentemente Renfe asinou un convenio con Correos a nivel estatal, no que supón unha nova canle de venda presencial para adquirir billetes de trens Ave, Avant e media e longa distancia convencional.
Á marxe destes cambios, as estacións que xestiona Adif manteñen a súa actividade habitual e as paradas nos servizos de transporte continúan sen modificacións. Renfe iniciou desde fai algunhas semanas contactos con todas as institucións locais e autonómicas para informar destas medidas.