O Partido Popular de Foz cargou este venres contra o goberno municipal, ao que acusa de “vivir de rentas do traballo feito pola anterior corporación”, e de “darse un atracón de autobombo con obras xestionadas integramente na anterior lexislatura” polo executivo conservador co apoio de Foz Plataforma de Futuro, “o único grupo que respaldou estes proxectos”.
O voceiro do grupo municipal conservador, Javier Castiñeira, critica que o executivo local anunciase “unha obra de cambio de abastecemento e pavimentación con aglomerado en quente na rúa de Alemparte en Cangas“, cando “no pleno de outubro, ao alcalde (o socialista Francisco Cajoto) demostrou descoñecer a existencia da partida nos orzamentos para 2019 e houbo de pregárselle o inicio da contratación”.
Castiñeira cualifica de “demagóxica” a actitude do rexedor, asegurando que “o caso máis sangrante” é o da construción da canceira, na que “o actual goberno tivo un protagonismo irrelevante, tendo que rematar unicamente o proceso de contratación. Foi o anterior executivo o que xestionou a totalidade dese investimento tan importante, redactando o proxecto, suplementando unha partida e acadando que a Deputación asinase un convenio”, remarca o edil conservador, que lamenta que “non fomos nin convidados á inauguración oficial”.
“RETRASO INTENCIONADO” DAS CONTRATACIÓNS
O PP focego afirma que este “non é un caso illado, posto que (o executivo local) fixo o mesmo con obras como o asfaltado da estrada de Fazouro a San Acisclo ou coa substitución da tubería de abastecemento de Mañente“, e denuncia que “o alcalde está a retrasar intencionadamente a contratación de obras xestionadas polo anterior executivo como son as do Plan Único 2019 para apoderarse da autoría das mesmas”.