As obras de humanización da rúa Rosalía de Castro de Burela darán comezo a mediados de xaneiro e o prazo de execución será de dous meses, segundo anunciou este mediodía o alcalde, o socialista Alfredo Llano.
O rexedor prevé que a obra de Rosalía de Castro comece “o 15 deste mes”, con actuacións desde o cruce con Eijo Garay ata a rúa da Lamestra. Nesta área acometerase un arranxo integral das beirarrúas e da propia vía. “Chamámoslle humanización porque realmente vai cambiar radicalmente a cuestión funcional, de estrutura e estética”, indica.
“Queremos facela moito máis atractiva e desde logo aproveitamos para amañar o separativo de pluviais e residuais e o resto das canalizacións. Imos deixar todo ao mesmo nivel, as beirarrúas e a rúa, aínda que irá destacada a parte peonil e a de circulación de vehículos e os aparcamentos. Esperamos que todo vaia ben e se faga no tempo previsto, calcúlase que serán dous meses de obras porque é unha actuación importante”, precisa Llano.
Manterase a área de aparcamento, na que se gañarán catro prazas adaptadas, e manterase o mesmo sentido da circulación.
CORTES DE TRÁFICO
O tráfico rodado estará cortado nese vieiro durante ese período agás entre as sete da tarde e as nove da mañá, franxa na que se permitirá que os residentes poidan entrar e saír dos seus garaxes. Ademais crearase unha zona de carga e descarga en Curros Enríquez e vanse distribuír Bandos do Concello polos inmobles afectados para informar das actuacións.
No tocante ao sentido do tráfico en Eijo Garay, Leandro Cucurni e Curros Enríquez, “vai seguir igual que ata agora, sen ningunha variación. De tódolos xeitos imos ver como avanza e como se desenvolve todo e se houbese que facer algún cambio xustificado estudarase”, conclúe Llano.
O goberno local pide “comprensión” á veciñanza e que “entenda que as obras son boas de forma colectiva; son moi molestas, pero unha vez rematadas dá gusto desfrutar delas”, remata.
FINANCIADA POLO PLAN ÚNICO
A obra contará cun orzamento de 156.940 euros, que custeará integramente o Plan Único 2019 da Deputación de Lugo.
RÚA DO HÓRREO
Llano considera que as obras “pendentes para 2020 van fortalecer a singularidade, a funcionalidade e a fluidez. Refírome á céntrica rúa Rosalía de Castro e á zona da rúa do Hórreo, que ten unha vistosidade extraordinaria que se pode apreciar desde o porto de Burela”.