O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, comunicou esta medida tras reunirse co director xeral de Sanidad de la Producción Agraria, Valentín Almansa, nunha xuntanza na que tamén participaron representantes do Principado de Asturias, entre eles a responsable de Desarrollo Rural e Industrias Agrarais, Begoña López.
AS PATACAS DE CEDO, Á ESPERA
Os concellos beneficiados pola medida son os de Ares, Mugardos, Cabanas, Fene, Ferrol, A Capela e As Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña, e dos de Ourol e Abadín, na de Lugo. Deste xeito, aínda que condicionados pola premura, os veciños poderán plantar patacas de cedo, as que se sementan tralo Nadal e se recollen entre os meses de maio e xuño.
AS PLANTACIÓNS DEBERANSE NOTIFICAR E SERÁN SOMETIDAS A EXAME
Esta medida xa fora avaliada e proposta na última xuntanza da comisión de seguimento da couza guatemalteca da pataca, que tivo lugar o pasado día 11 de decembro en Santiago. Naquela reunión constatouse “unha evolución moi positiva” na redución de capturas en todos os municipios da zona infestada e que nestes nove non se rexistrou ningunha nos últimos dous anos, razón que permite levantar as restricións, de forma que os citados concellos pasen de estar en zona infestada á zona tampón.
Isto supón que se permitirá plantar pataca, pero que se fará un seguimento exhaustivo das plantacións por parte da Consellería do Medio Rural e manteranse as demais medidas de control e vixilancia previstas na lexislación, co obxectivo último de controlar a expansión da couza.
Así, deberán notificarse as plantacións para a realización de controis fitosanitarios.
A PROHIBICIÓN MANTENSE EN 15 CONCELLOS MARIÑAOS
Malia os resultados aos que alude a Xunta, a situación non cambia en Alfoz, A Pontenova, A Pastoriza, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Viveiro e Xove, os concellos lucenses afectados pola couza guatemalteca, que terán que seguir agardando para poder cultivar o tubérculo.
EN ASTURIAS, O VETO SEGUE NO OCCIDENTE
Coaña, El Franco, Xixón, Muros de Nalón e Tapia de Casariego serán os municipios de Asturias nos que se levanta o veto, que persiste na zona de Occidente limítrofe coa Mariña Lucense.