O temporal que azouta A Mariña Lucense este martes, con alerta laranxa por ondada e ventos de ata 143 quilómetros por hora (km/h), provocou varias incidencias na comarca, aínda que ningunha de consideración para a saúde das persoas.
En Burela, caeu unha parte duns catro metros do valado exterior, xunto á beirarrúa, do Ceip Virxe do Carme. O desprendemento produciuse contra a fachada do centro, sen danos persoais. Segundo informou a directora, Pepa Fernández Amor, para as 11.00 horas “estaba todo retirado, os escombros recollidos” e a zona está marcada cun peche metálico.
A caída do muro non foi o único incidente rexistrado no colexio dos Castros, pois desprendeuse unha chapa do polideportivo, que caeu nun campo anexo. Naquel momento non había nenos dentro do pavillón e a dirección suspendeu todas as actividades programadas no pavillón. O alumnado permaneceu dentro dos inmobles ata a hora de saída, tal e como estableceu a Consellería de Educación, que prohibiu as actividades no exterior dos centros educativos.

PESCA
No tocante ás actividades pesqueiras, tanto en Celeiro como en Ribadeo, segundo recolleu Galicia Confidencial, a frota ficou amarrada, e tamén en Burela.
A alerta laranxa por vento ficará activa durante todo o día, agardándose vento do suroeste con refachos de ata cen quilómetros por hora, ata a mañá do mércores.
No tocante á ondada, o prognóstico é de mar combinado do oeste, con ondas de cinco a seis metros, e vento de sur ou suroeste de forza 7 cara Bares e mar adentro.
INCENDIOS URBÁNS
Sen relación co temporal, producíronse dous incendios urbáns en Burela e Cervo. No primeiro caso, foi unha pota ao lume a que ocasionou pequenos danos, sobre as 13.00 horas, nunha das casas baratas, segundo informou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) do 112 Galicia.
En Cervo, unha sartén ao lume causou un pequeno incendio nunha vivenda da Avenida de Galicia. En ambos os casos, non houbo que lamentar danos persoais.