O Sindicato de Técnicos de Enfermería (SAE) denuncia a “política de xestión dos recursos humanos da residencia e centro de día de San Cibrao“, de titularidade municipal e que coordina a concesionaria Edad Dorada – Mensajeros de la Paz.
Desde SAE advirten de que canalizaron reclamacións contra as “disfuncións e irregularidades” que “levan tempo producíndose” e para as que o sindicato se reuniu coa dirección do centro.
Entre as situacións obxecto de denuncia, SAE cita “unha xestión do rexime disciplinario dos traballadores do centro que leva a cabo de forma non apropiada, excesiva e mesmo non axustada a dereito. Mesmo se interpuxo unha reclamación por nulidade de despedimento a unha traballadora que, tras presentar candidatura nun proceso electoral legalmente establecido, foi cesada”, remarca a central.
Doutra banda, o Sindicato de Técnicos de Enfermería referiuse ás declaracións realizadas por “unha suposta delegación de traballadoras”, publicadas no diario El Progreso, na que este grupo garantía a atención aos usuarios despois da denuncia do Bloque Nacionalista Galego (BNG), que advertiu dun “caos organizativo” e de que a dirección estaba a tomar “represalias” contra as traballadoras.
Desde a central criticaron que “se erixa en voceira dos seus compañeiros, cando non o é. Imos respectar o anonimato desta persoa pero parece máis que evidente que estas afirmacións débense a algún interese persoal máis que á defensa dos seus compañeiros e ao benestar dos usuarios”, conclúen.