A asociación A Santina, que forman asturianos que residen en Foz, será a pregoeira das festas do San Lourenzo. Así o decidiu a agrupación Sempre Foz, organizadora -coa colaboración do Concello– dos festexos, que xa teñen programa.
A colonia asturiana da Santina leva 35 anos afincada no concello, de xeito que o pregón será unha homenaxe á integración do pobo astur en terras galegas. Está previsto para o martes 7, ás 20.00 horas na casa da cultura.
O alcalde de Foz, o popular Javier Castiñeira, resaltou “a integración total e absoluta desde colectivo”, que mantén “os valores da terra onde naceron os seus membros”. O rexedor agradeceu “a confianza de todos os asturianos que teñen aquí a súa primeira e a súa segunda residencia, que participan activamente na nosa economía”.
ACTIVIDADES
A festas de San Lourenzo, declaradas de Interese Turístico Galego, comezarán o martes 7, co pregón, e rematarán o luns 13. Desde o mércores haberá verbenas: Claxxon actuará o 8, Fania e Pontevedra farano o 9, a Orquestra da TV porá ritmo á noite da xornada grande e La Favorita e D-Moda encargaranse do baile do 11.
O programa inclúe actividades para nenos, con varias obras de teatro infantil e xogos acuáticos na praia de Tupide. O Deportivo e o Real Oviedo porán o toque deportivo ás festas, cun encontro de fútbol que se xogará o sábado, desde as 19.00 horas, no Martínez Otero. Ademais, á mañá seguinte desputarase a carreira Run Foz Run. Tamén haberá fútbol sala, nas noites alternativas.
O momento máis espectacular das festas, para moitos focegos e visitantes, segue a ser o espectáculo de fogos artificiais. Serán o venres, na xornada do patrón, desde as 00.00 horas. Poderán verse desde o paseo de Laredo e a praia da Rapadoira.